En marcha a manifestación de Queremos Galego en Santiago baixo o lema Lingua vital xa! Milleiros de persoas secundan a mobilización.

En marcha a manifestación de Queremos Galego en Santiago baixo o lema Lingua vital xa! Milleiros de persoas secundan a mobilización.
A saúde do Papa Francisco empeora. Sufriu unha crise respiratoria este sábado que obrigou a subministrarlle osíxeno e atópase en estado "crítico", segundo informa o Vaticano. Foto: CC BY-SA Juantenaphoto.
Falece Carmen Borrego, pioneira do fútbol feminino en Galicia e impulsora do Karbo, campión tres veces de España a principios dos 80 e xermolo do actual Deportivo feminino. Desde o colexio que dirixía na Coruña creou un club que acabaría sendo histórico. Foto: Sabela Moscoso.
Tres eurodeputados galegos reciben á organización do EmigraSon no Parlamento Europeo. O festival galego en Bruxelas celebra esta fin de semana a súa terceira edición con todas as entradas vendidas. Nicolás González Casares (PSdeG), Ana Miranda (BNG) e Francisco Millán Mon (PP) asistiron á presentación dun evento que este ano leva á capital europea a Tanxugueiras, Fillas de Cassandra, Terbutalina e De Ninghures.
Representantes das asociacións da hostalería da Coruña e Lugo defenden a "integración" de Altri na contorna natural tras visitar unha das súas fábricas en Portugal por convite da compañía. En declaracións difundidas por Altri dende Vila Velha de Ródão, o presidente da asociación lucense e da confederación que agrupa estas entidades en Galicia, Cheché Real, asegura levar unha "impresión magnífica" o "perfectamente integrada que está a fábrica na contorna do río Texo". O seu homólogo da Coruña, Héctor Cañete, asegura estar "gratamente sorprendido por como está integrada na contorna" e di concluír que "é un proxecto que paga a pena valorar para implantarse en Galicia". Na visita, cunha vintena de asistentes, participou tamén unha representación da Federación Empresarial de Turismo e Hostelería de Pontevedra, da que Altri non difunde declaracións. [Imaxe: © Altri]
O Goberno de España prevé levar a cabo este ano a primeira poxa de eólica mariña, logo de que o pasado mes de setembro aprobase a súa regulación. Así o anunciou a ministra para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, Sara Aagesen. O seguinte paso será unha orde que aprobe as bases e concrete a potencia a adxudicar, as tecnoloxías a empregar e a área concreta na que se emprazará cada parque dentro das zonas de alto potencial eólico aprobadas.
Ana Miranda, eurodeputada do BNG, lamenta que Rueda "só se reunise con eurodeputados do PP" na súa visita a Bruxelas: "Por iso fun saudalo e presentarme". Miranda dirixiuse ao presidente nos corredores da Eurocámara cando ía ao pleno do Comité das Rexións, no que o titular da Xunta exerce agora unha das vicepresidencias. A nacionalista lamenta que na súa axenda "non tivese en conta a única eurodeputada galega que forma parte da Comisión de Política Rexional na que se decide o reparto de fondos para Galiza". [Vídeo: BNG Parlamento Europeo]
Rueda defende ante a vicepresidenta primeira da Comisión Europea, Teresa Ribera, a "absoluta rigorosidade" das avaliacións ambientais da Xunta logo de varias anuladas pola xustiza. O presidente, á espera do permiso a Altri, di que a UE pode "ter a tranquilidade" de que calquera proxecto autorizado pola Xunta é viable e respectuoso co medio ambiente. Rueda tamén participou este xoves en Bruxelas no consultivo Comité das Rexións, na imaxe, onde foi elixido para unha das vicepresidencias e falou en galego, como xa fixeron outros moitos representantes rexionais no pasado cos seus respectivos idiomas.
Luis Rubiales, condenado a 10.800 euros de multa por agresión sexual no caso do bico a Jenni Hermoso. O ex-presidente da Federación Española de Fútbol foi absolto do delito de coaccións. O ditame prohíbelle achegarse á xogadora nun radio de 200 metros e comunicarse con ela durante un ano. Foto: RFEF.
O DOG publica o reparto dos 2 millóns de euros de subvención da Xunta para gastos de funcionamento das forzas políticas con representación parlamentaria, nas que participa por primeira vez Democracia Ourensana. O criterio para a repartición destas achegas públicas son os resultados das últimas eleccións galegas, nas que o PP obtivo 40 escanos, o BNG 25, o PSdeG 9 e DO, 1.