A dereita da CDU gaña as eleccións en Alemaña con case o 30% dos votos e a extrema dereita da AfD logra unha histórica segunda posición con arredor do 20%, segundo as proxeccións da televisión pública ARD. Os socialdemócratas do ata agora chanceler, primeira forza en 2021, caen á terceira posición con apenas o 16% dos votos. O gran vencedor da noite e previsible novo chanceler, Friedrich Merz, asegura que abordará decontado conversas para lograr un acordo de goberno que pode pasar por unha gran coalición co SPD ao xeito dos anos de Merkel, aínda que desta volta tamén coa posible participación dos Verdes.
