"E o mar", a nova homenaxe d'A Banda da Loba a Luísa Villalta. Con este poema feito canción queren reivindicar a cara máis social da autora destacada no Día das Letras, "que formou parte do movemento Nunca Máis ou escribiu posicionándose do lado do pobo palestino nesta guerra que semella non ter fin". No videoclip unha muller que viviu de nena a catástrofe do Prestige volve ás praias, esta vez para recoller 'pellets'.
Fálase
Pontón anima á participación na mobilización convocada por Queremos Galego para o Día das Letras. Nun encontro co presidente d'A Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, a portavoz nacional do BNG chamou á mobilización "fronte ás políticas desgaleguizadoras do PP" para reclamar medidas como a derrogación do "decreto da vergoña" aínda vixente ou o cumprimento íntegro do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade hai agora vinte anos.
Feijóo anuncia que a semana que vén irá ver unha tourada a praza de Las Ventas (Madrid) para "defender a liberdade cultural". O ex-presidente da Xunta e actual líder do PP indica a través das redes sociais que non é "un gran entendido no mundo dos touros" pero ten " claro" que a "defensa da cultura non depender do gusto de ningún gobernante", di tras a supresión dun premio de tauromaquia polo Ministerio de Cultura. Durante a súa etapa como presidente, Feijóo asistiu en varias ocasións ás touradas na praza de Pontevedra, algunha delas acompañado polo actual presidente, Alfonso Rueda. Na imaxe, unha tourada na Coruña antes da súa desaparición por falta de subvencións públicas.
Os Premios Feroz 2025 e 2026 entregaranse en Pontevedra. O alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, vén de anuncialo xunto a María Guerra, presidenta da Asociación de Informadores Cinematográficos de España, organizadora dos galardóns, nos que compiten películas, series e obras audiovisuais de non ficción. É "un gran día para Pontevedra e Galicia", celebra o rexedor, que concreta que a entrega do ano vindeiro se celebrará o 25 de xaneiro nunha gala coa asistencia de máis de mil persoas.
Feijóo liga "inmigración ilegal" con ocupación de vivendas na recta final da campaña electoral catalá, na que o PP aspira a superar a Vox: "Ocupan os nosos domicilios e nós non podemos entrar nas nosas propiedades", afirmou nun mitin. O ex-presidente da Xunta e actual líder do PP é propietario de tres vivendas, segundo a declaración de bens que presentou no Congreso. [Imaxe: © PP]
O BNG lanza a candidatura de Ana Miranda ás europeas co reto de lograren escano propio para toda a lexislatura. O escano do Bloque "foi o escano do pobo galego e así o vai seguir sendo a partir do 9 de xuño con máis forza", defende Ana Pontón. O vindeiro domingo, a formación soberanista dá a saída simbólica á carreira electoral do 9X cun encontro nacional en Vigo.
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Club de Prensa de Ferrol retiran o nome de José Couso do Premio Internacional de Liberdade de Prensa que organizan, atendendo á petición expresa da familia Couso Permuy, segundo publican nun comunicado. O Premio Internacional de Liberdade de Prensa –recolle dito comunicado– ten o obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente. As galardoadas nesta última edición [Na imaxe CC-BY-SA CPXG] foron as xornalistas iranianas Nilufar Hamedi e Elahe Mohammadi, coñecidas por informar do caso de Mahsa Amini.
O Banco Sabadell, propietario do desaparecido Banco Gallego, rexeita a oferta de fusión co BBVA ao considerar que o "infravalora". A entidade catalá, que ten como conselleiro delegado a quen o fora da antiga Novagalicia Banco, César González-Bueno, considera que a súa continuidade" como entidade independente xerará un maior valor engadido para os seus accionistas". Así o fixo oficial mediante un comunicado á CNMV. Na imaxe [CC BY-SA Praza.gal], sucursal da entidade en Muros, situada onde estivera o Banco Olimpio Pérez, unha das orixes do Gallego.
- HEMEROTECA | Galicia bate récords de cartos depositados nos bancos mentres o número de sucursais é o menor dende 1974
- HEMEROTECA | Barrios sen sucursais e perda de servizos financeiros: o peche de oficinas impacta tamén nas cidades
- HEMEROTECA | Unha década despois das caixas, o recorte bancario restrinxe servizos e ameaza miles de empregos en Galicia
- INTERACTIVO | O sistema financeiro galego, esfarelado nunha década pola crise e a mala xestión
Rueda confirma que non se opuxo a que o concelleiro da Illa de Arousa condenado por violencia machista fose reintegrado no PP. O presidente da Xunta e dos populares galegos respondeu este luns que "tomou coñecemento" do decidido pola dirección pontevedresa do partido e "non manifestei oposición". Antes das eleccións municipais de 2023 asegurara que Matías González Cañón non volvería ser parte do PP. [Imaxe: CC BY-SA David Cabezón / Xunta]
Emilio Cao, galardón honorífico nos Premios Martín Códax da Música 2024. O artista compostelán será homenaxeado no Pazo da Cultura de Pontevedra o vindeiro 15 de maio. Músicas ao Vivo destaca o seu papel pioneiro e renovador na música galega sendo “unha figura clave na súa apertura ao ámbito internacional”