O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Club de Prensa de Ferrol retiran o nome de José Couso do Premio Internacional de Liberdade de Prensa que organizan, atendendo á petición expresa da familia Couso Permuy, segundo publican nun comunicado. O Premio Internacional de Liberdade de Prensa –recolle dito comunicado– ten o obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente. As galardoadas nesta última edición [Na imaxe CC-BY-SA CPXG] foron as xornalistas iranianas Nilufar Hamedi e Elahe Mohammadi, coñecidas por informar do caso de Mahsa Amini.
