Inés Rey remodela o goberno da Coruña e asigna un distrito da cidade a cada edil. Nereida Canosa asume a área de Benestar Social, ata agora dirixida por Yoya Neira, nova concelleira de Medio Ambiente, cuxa ata agora titular, Noemí Díaz, pasa a Infraestruturas e Mobilidade. Gonzalo Castro suma á concellaría de Cultura as competencias de Turismo, que ata agora xestionaba Diana Cabanas, que agrega Emprego á súa área de Comercio e Mercados. José Manuel Lage, edil de Economía, terá tamén a coordinación de "proxectos estratéxicos" pero xa non a de Planificación Urbana. "Podémonos sentir orgullosos polo que ten avanzado a cidade nestes cinco anos, mais considero que como goberno aínda temos marxe de mellora en termos de xestión, eficacia e cercanía", sinala a rexedora na presentación das mudanzas, que eliminan a estrutura de tres grandes áreas para coordinar as concellarías. [Imaxe: © Concello da Coruña]
