Paula Prado descualifica a BNG e PSdeG como "estercoleiro moral cheo de corruptos, puteiros e acosadores sexuais". A secretaria xeral do PPdeG afirmouno durante un acto en Monforte no que esixiu a ambas formacións que reclamen a dimisión de José Tomé como alcalde da vila e deputado provincial tras a querela que lle interpuxo a Fiscalía por presunto acoso sexual. Tanto socialistas como nacionalistas xa pediran ao ex-presidente da Deputación de Lugo que entregue as súas actas en ambas institucións antes de que o Ministerio Público o denunciase, se ben o rexedor monfortino se vén negando a facelo
Fálase
O Celta envía unha carta a Madonna na procura da camiseta do equipo que luciu no seu concerto en Vigo en 1990. "Tela ti? Se sabes onde pode estar ou queres axudarnos, por favor, contacta por mensaxe privada", prégalle o club á artista.
A Xunta convoca o sindicato O'Mega para intentar un acordo que poña fin á folga na atención primaria que provocou a suspensión de máis de 11.000 consultas en Galicia en dous días. A xuntanza celebrarase mañá xoves, no que será o cuarto día de paro, que este mércores tivo un seguimento do 6% segundo o Sergas na quenda de mañá.
"Pedimos unha solución diplomática e política", salienta Pedro Sánchez nunha intervención dirixida á cidadanía para informar sobre a situación creada polos ataques dos EUA e Israel a Irán, na que alerta de que "ninguén sabe nunca como comezan as guerras mundiais". “A posición do Goberno resúmese en catro palabras: ‘Non á guerra” e lembra que "non estamos sós" na defensa da paz.
Morre o xornalista Fernando Onega. Nacido en Pol en 1947, foi subdirector do xornal Arriba, xefe de prensa do presidente Adolfo Suárez e director de informativos da SER e a COPE. Ademais, presentou os informativos de Telecinco e Antena 3.
Trump ameaza con "cortar todo o comercio con España" ante a falta de colaboración nos ataques iniciados polo seu país contra Irán. O presidente dos Estados Unidos, que cualifica o Estado español de "aliado terrible", realizou estas declaracións no marco dun encontro co primeiro ministro alemán Friedrich Merz na Casa Branca. Merz asegurou que está tentando convencer a España para que eleve o seu gasto militar. Trump tamén cargou contra a falta de colaboración do Reino Unido.
Trinta anos das eleccións que levaron o PP de Aznar ao Goberno de España. Tal día coma hoxe de 1996 os populares lograban ser primeira forza co 38,8% dos votos, apenas un punto máis que o PSOE de Felipe González, e 156 escanos que, mediante pactos coas forzas nacionalistas Convergència i Unió (16 escanos), PNV (6) e Coalición Canaria (4), permitiron a investidura de Aznar, quen recuncaría no 2000 xa con maioría absoluta. Dos seus mandatos persisten herdanzas en Galicia como a prórroga da concesión da AP-9 ata 2048 e a súa posterior venda ou a privatización de Ence nun goberno que fichou como alto cargo a Alberto Núñez Feijóo, primeiro para dirixir o Insalud e despois, Correos ata que foi enviado de volta á Xunta como conselleiro para remudar o defenestrado Xosé Cuíña en plena catástrofe do Prestige, no treito final do aznarismo. Feijóo celebra o trixésimo aniversario daquelas eleccións atribuíndo a Aznar un "proxecto reformista que converteu España nunha potencia". Na imaxe, Aznar no seu primeiro día como presidente do Goberno de España, en maio de 1996 [© Pool Moncloa / José María Cuadrado]
- HEMEROTECA | AP-9: non penses en Aznar
- HEMEROTECA (2023) | Esta fin de semana remataría a peaxe da AP-9 se Aznar non a prorrogase ata 2048
- HEMEROTECA (2022) | "Galicia, máis que nunca" ou o principio da fin do fraguismo e do ascenso de Feijóo
- HEMEROTECA (2021) | De Ence á AP-9: os fíos que unen as privatizacións estrela de Aznar en Galicia e as súas concesións prorrogadas
O Parlamento debaterá, a petición do BNG, unha comisión de investigación sobre Altri, que Rueda xa fixo ver que non aceptará. O PSdeG amosa o seu apoio e a deputada Elena Espinosa mesmo deu por feito este martes que o PP xa a aceptara malia que os populares poden vetala coa súa maioría absoluta.
A folga de médicos suspende máis de 5.500 consultas en Galicia na súa primeira xornada. O paro indefinido convocado polo sindicato O'Mega tivo un seguimento na mañá deste martes do 6% segundo o Sergas, unha cifra que a organización eleva a máis do 70%. Os datos da Xunta elevan este seguimento a case o 11% na área de Vigo e redúceno por baixo do 2$ na de Lugo ou Ourense.
A Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG) deixa de remitir aos medios as listaxes de persoas aprobadas na selectividade para cumprir a lexislación de protección de datos. O organismo que organiza en Galicia as probas de acceso á universidade, conformado polas tres institucións académicas públicas, explica que de agora en diante só divulgará "estatísticas globais coas porcentaxes de persoas aptas" e non as listaxes de nomes que vén remitindo á prensa dende 1992, habitualmente publicados integramente en xornais impresos. Na imaxe, un exame de selectividade na Coruña, nunha imaxe de arquivo [© UDC]