"Pedimos unha solución diplomática e política", salienta Pedro Sánchez nunha intervención dirixida á cidadanía para informar sobre a situación creada polos ataques dos EUA e Israel a Irán, na que alerta de que "ninguén sabe nunca como comezan as guerras mundiais". “A posición do Goberno resúmese en catro palabras: ‘Non á guerra” e lembra que "non estamos sós" na defensa da paz.
Fálase
Morre o xornalista Fernando Onega. Nacido en Pol en 1947, foi subdirector do xornal Arriba, xefe de prensa do presidente Adolfo Suárez e director de informativos da SER e a COPE. Ademais, presentou os informativos de Telecinco e Antena 3.
Trump ameaza con "cortar todo o comercio con España" ante a falta de colaboración nos ataques iniciados polo seu país contra Irán. O presidente dos Estados Unidos, que cualifica o Estado español de "aliado terrible", realizou estas declaracións no marco dun encontro co primeiro ministro alemán Friedrich Merz na Casa Branca. Merz asegurou que está tentando convencer a España para que eleve o seu gasto militar. Trump tamén cargou contra a falta de colaboración do Reino Unido.
Trinta anos das eleccións que levaron o PP de Aznar ao Goberno de España. Tal día coma hoxe de 1996 os populares lograban ser primeira forza co 38,8% dos votos, apenas un punto máis que o PSOE de Felipe González, e 156 escanos que, mediante pactos coas forzas nacionalistas Convergència i Unió (16 escanos), PNV (6) e Coalición Canaria (4), permitiron a investidura de Aznar, quen recuncaría no 2000 xa con maioría absoluta. Dos seus mandatos persisten herdanzas en Galicia como a prórroga da concesión da AP-9 ata 2048 e a súa posterior venda ou a privatización de Ence nun goberno que fichou como alto cargo a Alberto Núñez Feijóo, primeiro para dirixir o Insalud e despois, Correos ata que foi enviado de volta á Xunta como conselleiro para remudar o defenestrado Xosé Cuíña en plena catástrofe do Prestige, no treito final do aznarismo. Feijóo celebra o trixésimo aniversario daquelas eleccións atribuíndo a Aznar un "proxecto reformista que converteu España nunha potencia". Na imaxe, Aznar no seu primeiro día como presidente do Goberno de España, en maio de 1996 [© Pool Moncloa / José María Cuadrado]
- HEMEROTECA | AP-9: non penses en Aznar
- HEMEROTECA (2023) | Esta fin de semana remataría a peaxe da AP-9 se Aznar non a prorrogase ata 2048
- HEMEROTECA (2022) | "Galicia, máis que nunca" ou o principio da fin do fraguismo e do ascenso de Feijóo
- HEMEROTECA (2021) | De Ence á AP-9: os fíos que unen as privatizacións estrela de Aznar en Galicia e as súas concesións prorrogadas
O Parlamento debaterá, a petición do BNG, unha comisión de investigación sobre Altri, que Rueda xa fixo ver que non aceptará. O PSdeG amosa o seu apoio e a deputada Elena Espinosa mesmo deu por feito este martes que o PP xa a aceptara malia que os populares poden vetala coa súa maioría absoluta.
A folga de médicos suspende máis de 5.500 consultas en Galicia na súa primeira xornada. O paro indefinido convocado polo sindicato O'Mega tivo un seguimento na mañá deste martes do 6% segundo o Sergas, unha cifra que a organización eleva a máis do 70%. Os datos da Xunta elevan este seguimento a case o 11% na área de Vigo e redúceno por baixo do 2$ na de Lugo ou Ourense.
A Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG) deixa de remitir aos medios as listaxes de persoas aprobadas na selectividade para cumprir a lexislación de protección de datos. O organismo que organiza en Galicia as probas de acceso á universidade, conformado polas tres institucións académicas públicas, explica que de agora en diante só divulgará "estatísticas globais coas porcentaxes de persoas aptas" e non as listaxes de nomes que vén remitindo á prensa dende 1992, habitualmente publicados integramente en xornais impresos. Na imaxe, un exame de selectividade na Coruña, nunha imaxe de arquivo [© UDC]
O comisario europeo de Agricultura cancela a xuntanza con Ana Pontón, á que ía recibir no mesmo día que a Rueda para trataren en ambos casos o impacto da aplicación do acordo comercial co Mercosur. O BNG atribúe a "presións do PP e da Xunta" a cancelación dun encontro que "estaba confirmado dende o pasado 13 de febreiro" para este martes. "Despois de que o domingo o BNG fixese pública en comunicado de prensa esa xuntanza, o gabinete de Christophe Hansen trasladou nun correo electrónico a cancelación alegando un cambio inesperado na axenda". Hansen recibe na tarde deste martes ao presidente da Xunta, quen a xuízo da portavoz nacional do Bloque "non soporta que se visualice que o BNG fai o qeu el non fai: defender o sector agrogandeiro" en Bruxelas, onde Pontón mantén o resto da axenda prevista. [Imaxe: © Comisión Europea]
- AMPLIAMOS 👉 O comisario europeo de Agricultura cancela a reunión con Pontón prevista para o día en que recibe a Rueda
- HEMEROTECA | A UE asina o pacto con Mercosur fronte á "lei do máis forte" e tenta acougar o sector agrogandeiro
- HEMEROTECA | O Parlamento europeo frea o acordo con Mercosur
- HEMEROTECA | O campo galego contra o acordo con Mercosur: "Competencia desleal" e peche de explotacións
O Goberno de España desmárcase do apoio europeo a Trump na guerra e impide usar as bases dos EUA en Andalucía para atacar a Irán. Pedro Sánchez subliña que as operacións estadounidenses e israelís son alleas ao Dereito internacional. Na imaxe, Sánchez este luns en Barcelona co rei no Mobile World Congress [© Pool Moncloa/Borja Puig de la Bellacasa]
Querela da Fiscalía contra José Tomé por feitos que "poderían ser constitutivos dun delito de acoso sexual" ou "de abuso no exercicio da función pública". O Ministerio Público actúa contra o ex-presidente da Deputación de Lugo e actual alcalde de Monforte -posto no que permaneceu tras ser afastado da militancia no PSdeG- "tras recibir unha denuncia particular por feitos presuntamente delituosos cometidos contra unha muller en setembro de 2025"
- AMPLIAMOS 👉 Querela da Fiscalía contra Tomé por acoso sexual e abuso na función pública
- HEMEROTECA | Varias mulleres denuncian no PSOE acoso sexual de José Tomé, que o nega
- HEMEROTECA | Tomé dimite como presidente da Deputación e secretario provincial do PSdeG pero segue como alcalde
- HEMEROTECA | Besteiro reivindica "contundencia" do PSdeG co acoso sexual fronte ás críticas polo 'caso Tomé'