O lume declarado o xoves na parroquia de Pombeiro, en Pantón, segue activo e sen control. Leva arrasadas máis de 2.000 hectáreas de superficie, parte delas pertencentes ao concello de Sober. A Consellería de Medio Rural sinala que permanece decretada a Situación 2 de emerxencia "de forma preventiva" pola proximidade das casas. Na aldea de Budián arderon oito vivendas.
Medio Rural tamén informa de que o incendio do Bolo quedou extinguido tras afectar unha superficie de 273 hectáreas, na súa maioría de monte raso. O lume declarado na Fonsagrada, na parroquia do Trobo, continúa activo e afecta unha superficie de arredor de 30 hectáreas. Ademais, un novo incendio afecta ao Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés. Trátase dun incendio forestal detectado ás cinco da mañá deste domingo no concello de Lobios, na parroquia de Río Caldo, que afectou de momento unha hectárea deste espazo natural protexido. [📸 BRIF Laza en Pantón]