Trump asegura na asemblea da ONU que "recoñecer o Estado palestino é un premio para os terroristas de Hamas". O presidente dos Estados Unidos dubida da utilidade das Nacións Unidas.

Trump asegura na asemblea da ONU que "recoñecer o Estado palestino é un premio para os terroristas de Hamas". O presidente dos Estados Unidos dubida da utilidade das Nacións Unidas.
A gala dos XXIV Mestre Mateo celebrarase no auditorio Fuxan os Ventos de Lugo. A Academia Galega do Audiovisual confirma que vai "cumprir unha débeda histórica" coa cidade e a provincia lucense, en verbas da súa presidenta, Lucía Veiga, cun evento que o 21 de marzo de 2026 chegará precedido dunha programación cultural paralela. Na imaxe, Veiga e Carmen Méndez, vicepresidenta da Academia, no novo auditorio de Lugo xunto a Rubén Arroxo, tenente da alcaldía; Maite Ferreiro, edil de Cultura; Efrén Castro, vicepresidente da Deputación, e Iria Castro, deputada de Cultura. [Imaxe: © AGA]
Desactivada a alerta por proximidade ás casas no incendio de Pantón, que queimou xa máis de 2.000 hectáreas e continúa activo aínda que estabilizado. O fogo en Barreiros quedou extinguido logo de máis dunha semana ardendo. Foto: UME.
O Goberno de España di non á subestación eléctrica para o proxecto de Altri en Palas de Rei. Así o vén de anunciar o líder do PSdeG, Gómez Besteiro, en Radio Galicia, que explicou que o Executivo dá "o terceiro 'non' definitivo" tras a negativa aos fondos PERTE da descarbonización e ás axudas extra de 250 millóns de euros.
🇵🇸Reino Unido, Australia, Canadá e Portugal secundan o recoñecemento do Estado de Palestina en vésperas da conferencia internacional ao respecto na ONU. Pedro Sánchez aplaude a decisión e subliña que "fomos os primeiros" e que estes catro gobernos que se suman a recoñecer o Estado Palestino "non serán os últimos". Na imaxe, unha bandeira palestina en Ramala [© ONU]
O lume declarado o xoves na parroquia de Pombeiro, en Pantón, segue activo e sen control. Leva arrasadas máis de 2.000 hectáreas de superficie, parte delas pertencentes ao concello de Sober. A Consellería de Medio Rural sinala que permanece decretada a Situación 2 de emerxencia "de forma preventiva" pola proximidade das casas. Na aldea de Budián arderon oito vivendas.
Medio Rural tamén informa de que o incendio do Bolo quedou extinguido tras afectar unha superficie de 273 hectáreas, na súa maioría de monte raso. O lume declarado na Fonsagrada, na parroquia do Trobo, continúa activo e afecta unha superficie de arredor de 30 hectáreas. Ademais, un novo incendio afecta ao Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés. Trátase dun incendio forestal detectado ás cinco da mañá deste domingo no concello de Lobios, na parroquia de Río Caldo, que afectou de momento unha hectárea deste espazo natural protexido. [📸 BRIF Laza en Pantón]
O BNG sitúase como "alternativa de goberno" fronte a un PP que ve "instalado no insulto, na propaganda e na deslealdade" co país. "O Goberno de Rueda non goberna: insulta, fai propaganda, busca culpables e traballa para as empresas amigas do PP", asegurou a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, na primeira reunión do Consello Nacional no novo curso político, onde advertiu que "Galiza non precisa políticos insultándose no Parlamento", en referencia ás descualificacións empregadas polo Partido Popular no último pleno da Cámara.
Máis dun cento de representantes de entidades sociais participan nos grupos de traballo do proceso social Lingua Vital. O movemento impulsado dende Queremos Galego busca "conseguir avances na normalización da lingua galega". Segundo explicou o voceiro da plataforma, Marcos Maceira, elaborarán "unha alternativa que permita a execución dos acordos unánimes sobre a lingua e reverter a situación de emerxencia lingüística na que está o noso idioma, o que nos identifica e nos fai ser galegos e galegas". [📸 Sara Seco/A Mesa]
Guindan un artefacto incendiario ao centro anunciado pola Xunta en Monforte para acoller menores migrantes no canto de integralos no sistema ordinario, como viña facendo ata agora. Segundo informa El Progreso, o incidente afectou á entrada do edificio e a unha sala da planta baixa. Hai sete días que a conselleira de Política Social, Fabiola García [na imaxe CC-BY-SA Xunta], avanzou que este sería "o primeiro centro específico para menores estranxeiros que se abrirá en Galicia para afrontar o traslado impulsado polo Goberno central".
🔴 AMPLIAMOS | Ataque ao edificio designado pola Xunta para acoller menores migrantes en Monforte
🇵🇸Múltiplos concellos acollen este venres concentracións de condena ao xenocidio en Gaza respondendo á convocatoria da Fegamp para amosar rexeitamento dende os gobernos locais e provinciais "á ofensiva militar e o mantemento do bloqueo humanitario executado polo goberno de Israel contra o pobo palestino". A asociación municipalista convida a acompañar estes actos "coa lectura de textos nos que se demande que o goberno israelí cese os ataques e a ocupación militar contra a poboación palestina de Gaza". Na imaxe, pancarta contra o xenocidio no Concello do Rosal.