Concello de Santiago e Ministerio de Economía acordan un cambio de usos nos antigos terreos do colexio Peleteiro, en pleno Ensanche da cidade, para "priorizar o seu uso residencial", segundo confirman ambas institucións tras un encontro entre ambas encabezado pola alcaldesa, Goretti Sanmartín, e mais o ministro, Carlos Cuerpo. As mudanzas na operación, pendente dende hai varios mandatos na capital galega, "pasarían por reducir o uso comercial e demais usos terciarios e incrementar o uso residencial, incluíndo vivenda protexida", sinala o Goberno local.
O acordo co Ministerio é preciso porque o futuro dos terreos depende da Sareb, o banco malo, que ata agora contemplaba para a parcela, entre outros aspectos, un centro comercial e apartamentos turísticos. Sanmartín vén fixando o desbloqueo desta operación como "un dos obxectivos do mandato". Imaxes do encontro divulgadas polo Ministerio de Economía.
