Seleccionamos algunhas das principais pezas que publicamos en Praza.gal durante xullo e agosto para que, se queres, poidas poñerlles un ollo agora, sen présa
Durante este verán que agora remata seguro que non puideches desconectar cando menos dun tema político, as eleccións xerais celebradas o pasado 23 de xullo tras as que aínda non foi investido un novo presidente do Goberno de España. Pero pode que si se che pasaran por alto algunhas das novas e reportaxes que publicamos durante os meses de xullo e agosto e que, se cadra, che gustaría recuperar agora devagar. Seleccionamos aquí unha ducia de informacións que seguirán dando que falar no futuro e que che presentamos agrupadas para que sexa máis doado chegar a elas.
O 18 de agosto remataría a peaxe da AP-9 se Aznar non a prorrogase ata 2048
Na data na que remataría o cobro de peaxe na infraestrutura que comunica as principais cidades galegas lembramos a sucesión de feitos que levou a 25 anos de pagamentos e como a Comisión Europea está a investigar esa decisión tomada en 2000. Seguir lendo.
Visto para sentenza: remata o xuízo de Angrois dez anos despois do accidente coa expectativa dun primeiro ditame en 2024
Iniciado o pasado outubro, o 27 de xullo rematou o xuízo polo accidente de Angrois cunha última sesión na que os dous acusados, o maquinista e un ex-director de Seguridade de Adif, pediron a súa absolución. Previamente a Avogacía do Estado pedira condenar só o maquinista e exculpara que Adif non tivese máis seguridade. O xuízo rematou tres días despois do décimo aniversario do sinistro, ao que se chegou sen que se implantase aínda unha das nove melloras de seguridade recomendadas hai unha década. Neste espazo podes ler o noso seguimento do caso Angrois.
Empresas que permitiron xogo de azar a menores pediron á Xunta mudar a lei para multar á infancia e non a elas
Tras meses de investigación Praza.gal vén de confirmar que empresas de xogo que pediron á Xunta, sen éxito, mudar a lei para que deixasen de ser elas as multadas por permitir xogar a menores e que pasasen a selo estes foran precisamente sancionadas nos últimos anos por eses mesmos feitos. Ademais, algunhas firmas foron multadas en varias ocasións na última década por esa infracción moi grave pero o Goberno galego sempre ditou a multa mínima, 18.001 euros, sen aplicar ao importe a agravante de reincidencia. Seguir lendo.
A ambulancia tardou de máis: o 061 non cumpre os obxectivos de rapidez en 198 concellos con 592.000 habitantes
O Consello de Contas, entre outros moitos informes, analizou este ano os servizos de emerxencias sanitarias da Xunta e concluíu que "non se logra que a asistencia se realice en condicións de equidade, adaptadas ás características do territorio". Seguir lendo.
Inspectores acusan a Política Social de "filtrar" a centros de maiores a data das visitas e a Xunta di que menten
Praza.gal avanzou o pasado 8 de agosto como a Asociación de Inspectores e Inspectoras de Servizos Sociais advertiu da filtración de datas e horas das visitas aos centros "para que tapen só durante esa visita as irregularidades". A oposición xa pediu explicacións sobre o ocorrido. Seguir lendo.
O Sergas di non ter persoal para 800 interrupcións voluntarias do embarazo ao ano e subcontrátaas por 460.000 euros
O 23 de agosto Praza.gal avanzou que o Sergas convocou un concurso para subcontratar parte dos abortos sen risco ata as 14 semanas co argumento de que a obxección de conciencia do seu persoal impídelle garantir os prazos de atención necesarios. A nova provocou reaccións críticas desde diversos eidos. Seguir lendo.
5 euros por visitar as Illas Atlánticas? O parque consulta a posibilidade de cobrar para recuperar flora e fauna
Este verán tamén revelamos como o Parque Nacional das Illas Atlánticas, dependente da Xunta, e o CSIC fixeron unha enquisa na que formularon varios escenarios de recuperación de gaivotas ou eliminación de eucaliptos e acacias en función do cobro dun "suplemento" que se mantería 5 anos. Tras desvelarmos a enquisa, o alcalde de Vigo amosou o seu rexeitamento "a calquera taxa turística nas Cíes ou na cidade". Seguir lendo.
A noticia reescrita que fixo estoupar o enésimo conflito na CRTVG
Analizamos como os procesos xudiciais contra a CRTVG deitan luz sobre o que comité e persoal mobilizado en defensa dos medios públicos cualifican de "manipulación informativa". Un xornalista denunciou a modificación dunha peza para agochar a suba do IPC en Galicia, caso que foi analizado con detalle na súa demanda e na vista oral. O comité denunciou o "traslado forzoso" do xornalista e a corporación pública nega que aplicase represalia ningunha. Seguir lendo.
Galicia precisou quince anos para rozar o nivel de emprego previo á caída de Lehman Brothers
No verán previo ao inicio da gran recesión Galicia tocara teito con 1,09 millóns de persoas afiliadas á Seguridade Social. Este verán, década e media despois, achégase aos 1,08 millóns. Seguir lendo.
Festivais de música, en risco de 'morrer' de éxito?
Este verán a oferta de festivais desbordou a demanda dos públicos, con exemplos de desprezos a artistas sobre o escenario en propostas tan variadas como os tamaños de letra dos seus carteis. Nesta reportaxe achegámonos á visión da asociación Fanto Fantini, organizadora do Osa do Mar en Burela, a través do seu presidente, Diego Campo; á do organizador do Revenidas en Vilaxoán de Arousa Xoán Quintáns; e á do co-director do Sinsal Julio Gómez para analizar que supón celebrar hoxe un festival. Seguir lendo.
Adeus a Luís Suarez, mito galego do fútbol mundial
O 9 de xullo morría Luís Suárez, o único Balón de Ouro do fútbol masculino español, dúas veces campión de Europa, triunfante nunha Eurocopa, ídolo dunha xeración e mito no Inter de Milán. Seguir lendo.
Galicia érguese contra o machismo no fútbol
O remate do verán está marcado polo machismo no fútbol por uns comportamentos do presidente da federación estatal, Luis Rubiales, minimizados polo presidente da galega, Rafael Louzán, e que opacaron o Mundial logrado, entre outras, pola pontevedresa Teresa Abelleira.