Benito Portela, de Sadamaioría, volve ser alcalde de Sada tras ser apartado hai medio ano por unha moción de censura e gañar as eleccións o 28M. Este sábado recibiu tamén o apoio do único concelleiro do BNG. [Imaxe: Sadamaioría]
Fálase
Jácome anuncia que dará a Deputación de Ourense ao PP. O líder de Democracia Ourensana comunica que os seus representantes votarán por si mesmos tanto este sábado na constitución do Concello como cando se faga o mesmo na Deputación, polo que, di, "o peso das listas máis votadas será determinante na investidura de ambas corporacións".
Este sábado constitúense as corporacións municipais saídas das eleccións do 28 de maio, que á súa vez elixirán os alcaldes ou alcaldesas dos 313 concellos galegos. Para resultaren elixidas, as persoas candidatas deberán obter a maioría absoluta dos votos da corporación ou, do contrario, a alcaldía será de xeito automático para a forza máis votada o 28M. Máis información ao longo do día en Praza.gal.
23X | Tellado, cabeza de lista do PP pola Coruña ao Congreso, esgrime a "superioridade moral" do "proxecto" de Feijóo fronte a Pedro Sánchez, ao que acusa de presentarse ás eleccións para "enfrontar á sociedade" e atribúe "indecencia", "inmoralidade" e "desprezo pola ética". O tamén 'número tres' da dirección central dos populares afirma, durante un encontro dos cabezas de cartel da formación en Galicia para o 23X, que o "inimigo a bater" na cita electoral é o "independentismo e Bildu". [Imaxe: CC BY-SA PPdeG]
Luis López confirma que será o vindeiro presidente da Deputación de Pontevedra polo PP tras dimitir 16 integrantes da lista dos populares en Rodeiro para que el poida ser concelleiro e a continuación, deputado provincial. O ata agora delegado da Xunta en Pontevedra terá nas vicepresidencias aos cabezas de lista do PP en Vigo e Pontevedra, Marta Fernández-Tapias e Rafael Domínguez. [Imaxe: PP Pontevedra]
Profesorado e alumnado de numerosos centros de Formación Profesional concentrouse este venres en protesta contra os cambios introducidos pola Consellaría de Educación consistentes na conversión de ciclos presenciais na modalidade a distancia. CIG-Ensino denuncia neste senso "a crecente privatización destas ensinanzas, tanto a través do fomento da FP dual como do incremento da oferta nos centros concertados e privados".
23X | O CIS sitúa a PSOE e PP nun empate técnico en intención de voto cara ás eleccións xerais. O barómetro divulgado este venres estima arredor dun 31% de voto válido para ambas formacións seguidas por Sumar, con arredor do 14%, e por Vox, na contorna do 10%. Segundo este estudo, sen asignación de escanos, o BNG tería o 0,7% do total dos sufraxios do Estado (hai catro anos foran o 0,5%).
Goretti Sanmartín e María Rozas asinan o pacto entre BNG e Compostela Aberta para gobernaren en coalición a capital galega dende mañá coa nacionalista como nova alcaldesa. Bloque e CA suman 8 edís da nova corporación (6+2) e a investidura contará co voto a prol do PSdeG (6 edís), que decidiu non entrar no Goberno. Rozas ostentará a Tenencia da Alcaldía no novo goberno, do que se coñecerán as áreas a vindeira semana. Da banda dereita, o PP conta con 11 edís e o seu cabeza de lista, Borja Verea, reclama ser o novo alcalde. [Imaxe: CC BY-NC-SA BNG]
Jácome considera unha "excelente noticia" a retirada de Baltar e admite "reunións a alto nivel" con PP e PSdeG nos últimos días, se ben evita revelar as súas "cartas" en plena "partida de póker" sobre un eventual cambio de goberno na Deputación de Ourense. En resposta aos medios durante a presentación do programa das festas da cidade, o alcalde de Ourense en funcións e candidato á reelección atribúe a retirada de Baltar á perda da maioría absoluta na institución provincial polo medre de Democracia Ourensana: "Se non obtivésemos tres deputados, non daría un paso atrás", indica nun contexto no que un recurso en Celanova pode adiar a constitución da nova corporación provincial ata a contorna do 20 de xullo.
Masivas mobilizacións na primeira xornada da folga de tres días no sector do metal na provincia de Pontevedra. As centrais sindicais CIG, CCOO e UGT trasladan que se paralizou totalmente o sector e quedaron sen actividade os estaleiros das rías de Vigo e Pontevedra. Instan a patronal a "tomar nota", abandonar as súas propostas "insultantes" e negociar un convenio colectivo que contemple unhas condicións laborais dignas. [Na imaxe, a manifestación deste xoves en Vigo CC-BY-SA CIG]