A novela gráfica O Corpo de Cristo, coa que Bea Lema gañou o Premio Nacional do Cómic do Ministerio de Cultura, edítase agora en galego por Astiberri. Tras cinco edicións en castelán, a editorial aposta por publicar o cómic na lingua na que naceu a historia, inicialmente gañadora do Premio de Cómic Castelao da Deputación da Coruña. Esta obra cambiou a vida da autora coruñesa: "É o poder da arte, que nos axuda a vivir tanto cando a contemplamos e podemos sentirnos reflectidas como pola nosa propia capacidade de expresarnos, que tamén é liberadora en si mesma", asegurou na entrevista con Praza.gal, na que tamén avanzou que traballa na adaptación da historia ao audiovisual.
