A Fiscalía especializada en violencia contra a muller de Galicia asegura non ter constancia de denuncias de vítimas relativas ao mal funcionamento das pulseiras de control telemático a maltratadores. Con todo, e tras unha instrución da Fiscalía Xeral do Estado, tanto a Fiscalía Superior de Galicia como as súas catro delegacións provinciais están "estudando caso por caso e procedendo á revisión de sentenzas" dende febreiro de 2024. Nun comunicado, o organismo autonómico recoñece ter coñecemento de "incidencias" debido "ao funcionamento en si mesmo dos aparatos" que provocan a súa activación sen que exista un quebrantamento da medida cautelar. [Na imaxe, dispositivos de control telemático empregados en casos de violencias machistas CC-BY-SA Ministerio de Igualdad]
