Cando menos 11 persoas morren nun incendio forestal en Andalucía. Segundo informa o Goberno andaluz, as vítimas foron achadas no interior dos seus vehículos na contorna do lume, que atinxe a Los Gallardos, en Almería. [Imaxe: Junta de Andalucía]
Cando menos 11 persoas morren nun incendio forestal en Andalucía. Segundo informa o Goberno andaluz, as vítimas foron achadas no interior dos seus vehículos na contorna do lume, que atinxe a Los Gallardos, en Almería. [Imaxe: Junta de Andalucía]
O PP aproba no Senado modificacións na lei do traspaso da AP-9, que volve ao Congreso, onde será aprobada definitivamente co texto pactado por PSOE, BNG e Sumar. Os populares aseguran que as súas mudanzas "recuperan a proposta orixinal do acordo unánime do Parlamento" para evitar que a Xunta asuma riscos económicos. O PSOE defende o texto que acabará saíndo adiante e advirte de que "o que non poden soportar" no PP é que, coa lei do traspaso "finaliza o relato avariado e trampulleiro" co que "levan 25 anos enganando". O BNG, pola súa banda, mantén que o texto que será aprobado definitivamente na Cámara Baixa dá supón "plenas competencias e blindaxe económica para a Xunta". Na imaxe, José Manuel Barreiro (PP), César Mogo (PSOE) e Carme da Silva (BNG), durante o debate no Senado [PP/PSOE/BNG]
O Ministerio de Traballo suspende a tramitación do convenio estatal do téxtil asinado pola patronal ARTE e CCOO e rexeitado masivamente en Galicia. Require a correción de numerosos artigos por non axustarse á lexislación, segundo advirten UGT e mais a CIG, sindicatos que se opuxeron frontalmente ao acordo e convocaron varias folgas e mobilizacións no sector.
Os trens circulan por vía única entre Ourense e O Irixo por mor dos traballos do Adif para arranxar a avaría na infraestrutura eléctrica á altura da vila ourensá que causou este mércores importantes atrasos. Renfe informa que por mor destes labores estima "demoras de 20 minutos" en todas as liñas ao pasaren por ese punto. Na imaxe, de arquivo, trens Alvia e AVE na estación de Ourense [CC BY-NC-SA Praza.gal]
Directivos de SAIC, recibidos en Monte Pío polo presidente da Xunta tras a chegada do primeiro buque portavehículos da empresa automobilística chinesa ao porto exterior de Ferrol. Tras esta reunión co vicepresidente de SAIC, Wu Bing, e co 'número dous' da súa división de vehículos de pasaxeiros, Shi Lei, este xoves as instalacións portuarias acollen un acto oficial para solemnizar este envío, considerado o paso inaugural da instalación da compañía en Galicia.
Activada a prealerta por escaseza moderada de auga nos sistemas do río Lérez, do río Anllóns e Costa da Coruña ata o límite con Arteixo. A maiores, a Oficina Técnica da Seca acordou activar tamén a aplicación de medidas equivalentes no subsistema de Baiona.
Feijóo afonda na campaña do PP contra o persoal de baixa laboral. O ex-presidente defende nun encontro con empresariado vasco recortar salario a persoas en situación de incapacidade temporal que actualmente teñan cubertas as súas remuneracións ao 100% grazas ao seu convenio de empresa e, na liña da Xunta, inclúe as baixas no marco xeral dun "absentismo" que descualifica como "cancro". O líder popular esgrime, asemade, a súa experiencia aplicando recortes neste eido, como os aprobados polo seu Executivo en Galicia durante a gran recesión. [Imaxe: © PP]
MeteoGalicia constata que "a entrada de aire atlántico" permite que baixen as temperaturas no noroeste do país este martes, mentres que "a situación de sol e intensa calor continuará afectando a Ourense e sur de Lugo, con máximas por riba dos 35 graos". Puntos do interior e do leste superaron "os 35 e mesmo os 40" durante este luns. [Imaxe: MeteoGalicia]
O substituto do xuíz Peinado impide que Begoña Gómez, esposa de Pedro Sánchez, o acompañe ao cumio da OTAN en Turquía e só lle permite acudir á graduación da súa filla en Londres. O maxistrado Antonio Viejo foi o encargado de resolver estas peticións de Gómez porque Juan Carlos Peinado, que resolveu retirarlle o pasaporte tras procesala, non o fixo antes de coller as vacacións. Na imaxe, Pedro Sánchez e Begoña Gómez o pasado abril en Beijing [© Pool Moncloa/Borja Puig de la Bellacasa]
O BNG insta a que a TVG adquira os dereitos para emitir os partidos dos seis equipos galegos de baloncesto que militarán nas máximas categorías masculina e feminina a vindeira temporada. "Temos a sorte e o orgullo de vivir un momento histórico" e os medios públicos "teñen que estar á altura", sinala a deputada Olalla Rodil en referencia aos representantes galegos na ACB (Breogán e os ascendidos Obradoiro e Básquet Coruña) e na Liga Feminina (Ensino, Uni Ferrol e o ascendido Celta). "Outras corporacións públicas, como a televisión pública de Catalunya, xa emitiron a tempada pasada os partidos das súas áreas de influencia", lembra Rodil -na imaxe, este luns na contorna do Pazo dos Deportes de Lugo, que acolle os partidos do Breogán e do Ensino.