Falar varios idiomas frea o envellecemento. As persoas monolingües teñen o dobre de risco que as que falan varias linguas de sufrir unha deterioración acelerada coa idade, segundo un estudo publicado hoxe en Nature Aging.
Falar varios idiomas frea o envellecemento. As persoas monolingües teñen o dobre de risco que as que falan varias linguas de sufrir unha deterioración acelerada coa idade, segundo un estudo publicado hoxe en Nature Aging.
Sanidade di agora que "por suposto" van "remitir" ao Estado os datos de cribados de cancro e agrega que estarán "á disposición do conxunto da cidadanía a través do Observatorio da Saúde Pública". Inicialmente, a Xunta indicara que seguiría a liña marcada pola dirección do PP e non atendería a petición do Ministerio, que a reiterou a pasada semana mediante un requirimento formal. Nunha xuntanza coa Asociación Española contra o Cancro, o conselleiro Antonio Gómez Caamaño sinalou, asemade, que o seu departamento ultima "un comité asesor de cribados no que estarán representados os pacientes e que permitirá compartir información e tomar decisións sobre estratexias de mellora dos programas de detección precoz". [Imaxe: CC BY-SA Xunta]
O Concello de Noia denunciará o ex-alcalde do PP ante a Fiscalía polos gastos de fondos públicos en restaurantes e bares por parte do seu grupo municipal. Un informe xurídico encargado pola administración local, ao que tivo acceso este diario, conclúe que deben exixirse responsabilidades contables e que pode facerse ante o Tribunal de Cuentas e ante a Fiscalía. Máis información, hoxe en Praza.gal
👉🏼AMPLIAMOS | O Concello de Noia leva o ex-alcalde do PP á Fiscalía polos gastos de fondos públicos en restaurantes
O Día da Ilustración homenaxeará o caricaturista Siro na súa edición 2026, que se celebrará o 30 de xaneiro. O artista ferrolán destacou polo seu traballo como caricaturista político e foi o deseñador da Praza do Humor, na Coruña. A conmemoración organizada pola Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) e a Xunta, que escolle como data de referencia o nacemento de Castelao, botou a andar en 2014 e dende entón homenaxeou nomes destacados da ilustración galega, como Lolita Díaz Baliño, María Antonia Dans, Federico Ribas, Camilo Díaz Baliño, Chichi Campos ou Xosé Vizoso.
Pontón e Besteiro anuncian viaxes a Arxentina e Uruguai, e Bruxelas, respectivamente. A líder do BNG reunirase, entre outros, en Montevideo co presidente uruguaio, Yamandú Orsi, ou a ex-vicepresidenta e viúva de Mújica, Lucía Topolansky, e en Bos Aires coa condenada ex-presidenta Cristina Fernández de Kirchner, o Centro Galicia ou o Nobel da Paz Pérez Esquivel. Pola súa banda, o líder do PSdeG reunirase coa vicepresidenta europea Teresa Ribera e os comisarios de Defensa, Pesca e Xuventude.
Detida unha muller por un homicidio na antiga estación de autobús de Vigo, propiedade da Xunta pero sen uso desde hai tres anos e onde se refuxian habitualmente persoas sen fogar. Praza.gal fixo o pasado abril unha reportaxe falando coas persoas que alí viven.
O BNG e a Fundación Galiza Sempre celebran este sábado en Santiago un simposio sobre Castelao no que foi homenaxeada a xornalista Tareixa Navaza pola "dignidade" coa que narrou a chegada dos seus restos a Galicia. No acto Ana Pontón situou o pensamento de Castelao como "unha emenda á totalidade das políticas do PP" e dixo que se vivise estaria en contra de proxectos como Altri.
Os Bonos Activa Comercio da Xunta, dotados con 2,5 millóns de euros para descontos, esgotados aos dous días da súa posta en marcha. A iniciativa, concibida para apoiar "a reactivación do comercio de proximidade", remata aso 48 horas tras o esgotamento do crédito. O Goberno galego asegura que se mobilizaron 11,3 millóns de euros.
Unha investigación revela que as vías romanas tiñan 100.000 quilómetros máis dos estimados e achega o mapa dixital máis detallado do Imperio Romano, que permite debullar todos estes camiños, tamén os de Galicia. Sistemas de información xeográfica modernos atopan perto de 300.000 km de calzadas romanas en base a todas as fontes arqueolóxicas e históricas.
Premios da Cultura Galega 2025, que outorga a Xunta:
📚 Letras: Editorial Galaxia
🎨 Artes visuais: Bienal de Pontevedra
🎭 Artes escénicas: Mostra Internacional de Teatro Cómico de Cangas
🎶 Música: Bodegas Martín Códax
🎥 Audiovisual: Baños Films
🗣 Lingua: Campaña 'Aquí tamén se fala'
🏛 Patrimonio Cultural: Antón Corral
🌍 Proxección exterior: Programa de radio 'Sempre en Galicia'