Sanidade di agora que "por suposto" van "remitir" ao Estado os datos de cribados de cancro e agrega que estarán "á disposición do conxunto da cidadanía a través do Observatorio da Saúde Pública". Inicialmente, a Xunta indicara que seguiría a liña marcada pola dirección do PP e non atendería a petición do Ministerio, que a reiterou a pasada semana mediante un requirimento formal. Nunha xuntanza coa Asociación Española contra o Cancro, o conselleiro Antonio Gómez Caamaño sinalou, asemade, que o seu departamento ultima "un comité asesor de cribados no que estarán representados os pacientes e que permitirá compartir información e tomar decisións sobre estratexias de mellora dos programas de detección precoz". [Imaxe: CC BY-SA Xunta]