O Supremo absolve a Rafael Louzán do delito de prevaricación polo que foi inhabilitado. O ex-presidente da Deputación de Pontevedra poderá seguir á fronte da Federación Española de Fútbol. [Foto: © RFGF]

O Supremo absolve a Rafael Louzán do delito de prevaricación polo que foi inhabilitado. O ex-presidente da Deputación de Pontevedra poderá seguir á fronte da Federación Española de Fútbol. [Foto: © RFGF]
A novela gráfica O Corpo de Cristo, coa que Bea Lema gañou o Premio Nacional do Cómic do Ministerio de Cultura, edítase agora en galego por Astiberri. Tras cinco edicións en castelán, a editorial aposta por publicar o cómic na lingua na que naceu a historia, inicialmente gañadora do Premio de Cómic Castelao da Deputación da Coruña. Esta obra cambiou a vida da autora coruñesa: "É o poder da arte, que nos axuda a vivir tanto cando a contemplamos e podemos sentirnos reflectidas como pola nosa propia capacidade de expresarnos, que tamén é liberadora en si mesma", asegurou na entrevista con Praza.gal, na que tamén avanzou que traballa na adaptación da historia ao audiovisual.
O conselleiro de Sanidade nega que o uso da aplicación do Sergas sexa unha barreira para a poboación de máis idade: "E unha merda", usan a tecnoloxía "que te cagas", afirmou Antonio Gómez Caamaño durante unha conferencia en Vigo, na que apoiou a súa afirmación no alto nivel de uso de Sergas Móbil e outros servizos que permiten acceder a prestacións da sanidade pública sen acudir presencialmente ao centro de saúde.
Pescados Rubén entra en concurso de acredores. A empresa mariñá entrara xa en preconcurso en novembro polas débedas con bancos e financeiras. O Xulgado de Primeira Instancia número 2 de Lugo vén de aceptar a solicitude e confirma unha oferta de adquisición da nave e a produción.
O BNG esixe revelar todo o contido do acordo asinado con Altri en 2021 pola empresa que creou a Xunta con Abanca para captar fondos europeos. Ese "acordo político", di o deputado Luís Bará, deixou todo "amañado para un final que vai ser a aprobación do proxecto" e que, coida, xa prevía a implantación da "macrocelulosa" en Palas "con todas as bendicións do PP", favorecendo unha "segunda onda eucaliptizadora". A existencia dese "memorando de entendemento" entre Altri e Impulsa Galicia foi comunicado pola compañía ao regulador do mercado de valores portugués, pero o seu contido non é público.
As oposicións de Educación xa teñen data: serán o sábado 21 de xuño. A oferta pública de emprego constará de 1.664 prazas de 50 especialidades distintas.
O Parlamento votará a reprobación de José Manuel Baltar como senador pola súa condena por delito contra a seguridade viaria. O BNG insire a iniciativa na orde do día do vindeiro pleno tras a sentenza na que o Supremo concluíu , "sen lugar a ningunha dúbida", que o ex-presidente da Deputación de Ourense circulaba a máis de 200 por hora aos mandos dun coche oficial da institución. O Bloque resalta que reclama a dimisión do popular "pola comisión do delito e pola falta de exemplaridade que supón". O PP, a través de Rueda e tamén de Feijóo, xa avalou a súa continuidade no cargo. [Imaxe: CC-BY-SA David Cabezón / Xunta]
O Goberno de España aproba o anteproxecto de lei e dá o primeiro paso para reducir a xornada laboral a 37,5 horas. "Hoxe é un día histórico", di Yolanda Díaz, ministra de Traballo.
Álex López deixa o fútbol. O capitán do Racing de Ferrol e ex-xogador do Celta, entre outros equipos, asumirá outras funcións dentro do club ferrolán, segundo vén de anunciar a entidade.
Este luns entra en servizo o treito Palas-Melide da autovía A-54 entre Lugo e Santiago, de algo máis de 11 quilómetros. Faino case trinta anos despois da primeira pedra do primeiro treito, da Lavacolla a Compostela e coa recomendación de que os camións sigan circulando pola N-547 para evitar colapsar rúas do centro melidao. Aínda resta o tramo final, 16 quilómetros de Melide a Arzúa, que o Ministerio de Transportes prevé finalizar durante este 2025. O ministro Óscar Puente preside a inauguración nunha xornada na que tamén visita as obras da conexión ferroviaria do porto exterior da Coruña. Na imaxe [© Ministerio de Transportes], obras da A-54 entre Palas e Melide, o pasado ano.