A conselleira de Política Social non vai á reunión co Estado sobre menores migrantes tras viaxar a Madrid para asistir. Tras sumarse ao plantón do resto de gobernos autonómicos do PP, Fabiola García esgrime ante a sede do Ministerio de Inclusión que "Galicia sempre participou en todas as conferencias sectoriais pero hoxe non podemos asistir a un novo paripé" porque o Goberno de España "nos vén de negar todo tipo de información sobre a celebración desta conferencia sectorial". "Lle pedimos que respecte as comunidades autónomas e unha política migratoria consensuada", di a conselleira, que incluíu a asistencia a esta xuntanza na súa axenda oficial deste xoves. A ministra de Inclusión, Elma Saiz, lamenta a "espantada" dun PP que "deixou de ser un partido de Estado para ser un partido antisistema". Na imaxe, García e o director xeral de Infancia, Jacobo Rey, nunha imaxe de arquivo.