Quince esperanzas para o 2015

CC-BY-SA Praza Pública

O remate dun ano e o comezo doutro é un momento propicio para facer balance e tamén, moi especialmente dende que internet forma parte das nosas vidas, para elaborar listaxes de eventos pasados e de acontecementos que están por vir. Tras varios anos de dura crise económica e desacougo no 2014 xermolaron, en diversos ámbitos, esperanzas que poden ser unha boa equipaxe para comezar o 2015. Velaquí algunhas delas. O que máis nos gustaría é que a listaxe (si, é unha desas listaxes de fin de ano) non estea completa.

1. Roberto Rivas

Rivas, cos seus compañeiros antes de ser xulgado / M. PEREIRA

En novembro de 2014, a xustiza rexeitou o seu recurso e condenou o bombeiro que se negou a desafiuzar a Aurelia a pagar 600 euros de multa. Trátase de Roberto Rivas, que segundo a xuíza "produciu unha alteración da orde pública" ao negarse a colaborar no desaloxo dunha anciá na Coruña. Aquela imaxe deu a volta ao mundo e este home -e activista social- volveu saltar ás portadas desta vez por un ditame que moitos consideraron inxusto. Chamou á rebeldía, asegurou que o volvería facer e aclarou que "o que incita á violencia son os desafiuzamentos". Nunha campaña de solidariedade, Stop Desafiuzamentos acadou xa miles de euros para pagar a súa sanción e a doutros compañeiros multados por participar en accións semellantes.

O bombeiro Roberto Rivas negouse a colaborar nun desafiuzamento e converteuse nun rostro da esperanza

O 29 de novembro, na marcha que encheu o Obradoiro, Roberto Rivas foi o encargado de ler o comunicado. Tan só dous días antes, o Concello da Coruña consumaba o desaloxo dunha familia en Elviña logo dunha forte e activa resistencia cidadá. Unha muller, seu fillo e dous netos foron expulsados da súa vivenda para poder equipar unha urbanización de 2.000 vivendas e cun enorme despregamento policial desde primeiras horas da mañá. Tres persoas subiron ao tellado do inmoble para intentar evitar unha derruba que se acabou producindo pola tarde. Entre eles estaba tamén Roberto -ou Ío, que é como todo o mundo o coñece- que puido comprobar como os seus compañeiros do parque de bombeiros se negaban a colaborar nos labores de desafiuzamento ante a chamada da policía local. El, e moitos máis, son o rostro da esperanza.

2. A ciencia galega ten futuro, a pesar de todo

Mobilización de persoal investigador / PRAZA PÚBLICA

Se non son bos tempos para a lírica, tampouco parecen selo para a ciencia. Recortes orzamentarios que manteñen o investimento galego en I+D+i moi lonxe da media española e a anos luz dos obxectivos fixados pola UE ou ducias ou centos de investigadores e profesionais galegos e galegas que deben marchar fóra para desenvolver as súas carreiras son unha realidade que os gobernos galego e español semellan ignorar. Porén, neste contexto tan negativo, grupos de investigación e profesionais galegos continúan abríndose paso e sobresaíndo nas súas áreas de traballo.

Nun contexto negativo grupos de investigación e profesionais do país continúan sobresaíndo nas súas áreas de traballo

Tamén dende a base, dende os e as máis pequenas, que se achegan á ciencia dende moi novos e novas, en experiencias nas que os seus mestres e mestras demostran un gran mérito. Aí están os logros acadados polo CPI dos Dices, en Rois, cuxo alumnado foi recoñecido internacionalmente en certames coma o YouTube Space Lab ou o Volare Space Robotics Competition. Aí están tamén as experiencias de Galiciencia ou Igaciencia, nas que as rapazas adquiren un papel cada vez máis protagonista que pode rematar nun futuro próximo coa actual fenda de xénero na ciencia, na informática e na investigación.

3. O persoal dos servizos públicos

Tratamentos de quimioterapia nun hospital público galego / SERGAS

Os recortes e a austeridade teñen afectado a todos os sectores da poboación de novo neste ano 2014. Os servizos públicos foron dos máis golpeados unha vez máis e alí xurdiron os seus traballadores para denunciar a situación, reivindicar os seus dereitos e os da cidadanía e rexeitar unha política que está a minguar o Estado do Benestar. Na sanidade, por exemplo, a última polémica chegou coa luz verde da Xunta a completar a norma que permite o traspaso de pacientes do Sergas á privada ou o tenso debate que deu o visto e prace á versión recortada da iniciativa lexislativa popular que pretendía a instalación no HULA dos servizos de hemodinámica 24 horas, radioterapia e medicina nuclear, prometidos por Feijóo en 2011. A contestación dos profesionais sanitarios foi importante, como antes polas unidades de xestión clínica, a perda de camas hospitalarias, a redución do persoal, o aumento das listas de espera, as privatizacións ou os copagos. En definitiva, contra "o desmantelamento da sanidade pública" que debullou nun completo informe SOS Sanidade Pública.

No ensino, tamén os docentes e estudantes loitaron contra os recortes, a privatización, o recorte nas axudas a libros de texto, as subvencións a colexios que segregan por sexo ou a ameaza da Lomce. Denunciaron do mesmo xeito o desmantelamento da escola pública con importantes manifestacións e mobilizacións constantes que chegaron a ser conxuntas entre pais e nais, alumnos e profesorado.

4. A cidadanía

Papeletas nun colexio electoral de Compostela / MERIXO

O 2015 é ano duplamente electoral. O 24 de maio a cidadanía está chamada a renovar a composición dos concellos e, previsiblemente en novembro, acontecerá o propio coas Cortes Xerais. Tras as efervescentes eleccións europeas do 2014 os comicios do ano que comeza preséntase como unha oportunidade de observar a tradución na política institucional dos efectos da crise económica, das medidas que se adoptaron para xestionala e das alternativas formuladas dende as diferentes forzas políticas.

O 2015 é ano duplamente electoral

A irrupción das mareas cidadás, a evolución de Podemos, o futuro das formacións que forman AGE ou a capacidade de repoñerse e recuperar vigor do PSdeG e do BNG organizado son algunhas das cuestións para as que se procurarán respostas nestas citas coas urnas. O futuro e os liderados do PP en Galicia e Madrid ante previsibles malos resultados figuran tamén no apartado de interrogantes por despexar.

5. As pequenas vitorias

Veciñanza contra as obras do parque compostelán de Galeras, finalmente suspendidas / MERIXO

Tras seis meses de loita o pasado agosto a veciñanza do barrio compostelán de Galeras lograba que o Concello, tras estrear o seu terceiro alcalde do mandato, recuase na súa intención de permitir que, aproveitando a construción dunha rotonda, se impuxese o acceso a un aparcadoiro privado por riba dun parque público. Aínda que pequena, a loita de Galeras foi especialmente simbólica, toda vez que combinou a defensa do espazo público e do medio ambiente fronte ás pretensións "privatizadoras" dun consistorio que leva dende 2012 no centro das olladas por mor dos casos de presunta corrupción.

Loitas como a de Galeras continúan en Sarria, Vigo ou Lugo

Na liña do acontecido en Galeras, na propia capital galega o consistorio impulsa xa novos plans polémicos mentres noutras cidades e vias as loitas veciñais tamén avanzan. É o caso de Sarria, na defensa do seu río, ou barrio de Coia, en Vigo, onde diversos colectivos sociais, dende a esquerda política a grupos de base cristiá, tentan impedir que o Concello destine fondos públicos a plantar o barco Bernardo Alfageme nunha rotonda. En Coia agardan que a loita remate en vitoria e algo semellante acontece en Lugo, onde veciños e veciñas advirten de que seguirá a mobilización ata que o seu hospital teña instalados e funcionando, como prometeu a Xunta, servizos d hemodinámica 24 horas, radioterapia e medicina nuclear.

6. Chévere e outras vitorias da cultura galega

Membros de Chévere na presentación de Eurozone / ALBERTO RAMOS

Hai pouco máis dun mes Chévere fíxose co Premio Nacional de Teatro 2014, que entrega o Ministerio de Cultura. Un recoñecemento "non só para Chévere", senón "para as artes escénicas galegas", como destacaba Patricia Lorenzo. Unhas artes escénicas e unha cultura galega, en xeral, que non andan sobradas de alegrías nos últimos anos. Porén, hai alegrías, hai vitorias, e hai unha cultura galega viva máis aló de crises e outros obstáculos.

Unha boa mostra foi a recente celebración do Culturgal, que bateu marcas de asistencia e que demostrou a forza e o intersese da produción cultural en cultura galega. Ou tamén a consolidación dos Premios Martín Códax da Música, que celebraron a súa segunda edición e entregaron os seus galardóns hai dúas semanas en Pontevedra. Ou, igualmente, o recoñecemento ao proxecto de Ponte nas Ondas!, embarcado de novo na campaña que persegue que o patrimonio inmaterial galego-portugués sexa recoñecido pola UNESCO.

7. Os éxitos do cinema galego

Escena d'A Esmorga

Este 2014 é un ano especial para o cinema galego. Aos recoñecementos aos que nos últimos anos nos viñeron afacendo novos autores como Xurxo Chirro, Eloy Enciso, Óliver Laxe ou Lois Patiño, uniuse nos últimos meses o histórico éxito comercial de A Esmorga ou a pegada de filmes coma Os Fenómenos. E, ademais, coincidindo coa conmemoración do 25 aniversario da triple estrea de Urxa, Sempre Xonxa e Continental. Esperemos que o vieiro aberto, tamén na relación co público, se cadra unha das materias pendentes, continúe no 2015 con novos proxecto, novos filmes, coa boa saúde de festivais coma Cans, Curtocircuíto, Ourense, S8 ou Cineuropa e tamén no "sector" (sic) das curtametraxes

8. A banda deseñada do país

A conta atrás, de Carlos Portela e Sergi San Julián

A banda deseñada galega está de moda. Se no pasado xa podiamos gabarnos de proxectos coma Polaqia e o seu Barsowia, do recoñecemento de Miguelanxo Prado e David Rubín ou de eventos coma Viñetas desde o Atlántico ou as Xornadas de Banda Deseñada de Ourense, neste 2014 temos renovados motivos para sentir orgullo. O propio Rubín coa súa Aurora West e Emma Ríos con Bella Muerte figuran nas listas dos mellores cómics españois do ano. Ademais, Emma Ríos e José Domingo foron candidatos aos Premios Eisner, os Óscar da banda deseñada, que se entregaron en xullo na ComicCon de San Diego.

Ademais, chegan boas novas dende Ourense, onde semella que as Xornadas comezan a recuperar o pulo perdido nos últimos anos, e tamén dende o complicado espazo das publicacións periódicas, onde temos a novidade de O Botafumeiro. demostrando -como destacaba Henrique Torreiro- que "A BD galega segue en alza, e o que se albisca no horizonte é aínda máis prometedor".

9. O triunfo das mulleres fronte á contrarreforma

Mobilización a prol do dereito ao aborto / GZ CONTRAINFO

O pasado 23 de setembro os anos de intensa loita política e cidadá encabezada polo movemento feminista daban un novo froito. O Goberno central daba en renunciar á súa contrarreforma da lei do aborto e un dos seus principais valedores, o ministro Alberto Ruiz-Gallardón, presentaba a súa dimisión converténdose, deste xeito, na vítima política da teimosía do seu partido e da súa propia.

O movemento feminista continúa alerta despois de que o Goberno de España decidise recuar coa contrarreforma

A retirada do proxecto lexislativo non supuxo, nin moito menos, que o movemento feminista baixase a garda. Tras multitudinarias protestas tanto en Galicia como no resto do Estado e despois de proxectos que xa son un símbolo, como El tren de la libertad, a alerta continúa para vixiar a correcta aplicación da lei vixente e tamén para tentar frear a aposta gobernamental de reformala pola porta de atrás.

10. O medre do cooperativismo

Encontro de cooperativas en Vigo / COOPERLAND

Nos últimos anos viñéronse consolidando en Galicia formas distintas de producir e de comerciar, unha distinta forma de entender a economía e os cartos. Prácticas cooperativas, iniciativas de economía social, propostas de banca ética e de produción sustentable e respectuosa co medio e co planeta. É un cambio de paradigma que avanza paseniño, que en ocasións se impón por necesidade (a crise económica forzou a moitas persoas a buscar outras saídas e outras respostas diferentes ás anteriormente empregadas) pero que non ten marcha atrás.

"As prácticas cooperativas cidadás xeran benestar social", destacaban as organizadoras do II Encontro Europeo de Prácticas Cooperativas Cidadás, que en outono reuniu en Vigo experiencias deste tipo chegadas dende toda Europa. O cooperativismo gaña peso no eido cultural (tamén a través de fermosos proxectos coma este), na moda e na produción téxtil, nas producións do campo e na ganadaría (que crecen no medio da crise) e mesmo na produción e consumo de electricidade ou na telefonía.

11. Pedro Nimo, Verónica Boquete, Javier Gómez Noya...

Boquete, nun partido co Tyresö

Silenciados moitas veces polos deportes maioritarios -ou polos maioritarios que practican os homes- foron varios os galegos que destacaron neste 2014 e que continúan a ser a esperanza para o deporte do país neste 2015 que chega. O ferrolán Javier Gómez Noya completou unha espléndida tempada sendo condecorado co Premio Nacional do Deporte. Era o recoñecemento a un triatleta único, fillo de emigrantes e que se proclamou tetracampión mundial da súa disciplina nun espectacular e emotivo sprint final. Sumaba un título máis a un espléndido palmarés que chegou a completar cun campionato mundial de medio iron man.

Malia sufriren o silenciamento deportistas do país lograron grandes éxitos e manteñen traxectorias prometedoras

Algo parecido lle ocorreu a Pedro Nimo, atleta que se proclamou campión de España de maratón, unindo outra medalla a un palmarés tamén único. Pero este ano non só foi protagonista polos seus méritos deportivos, senón por decidir renunciar ás axudas públicas e deixar de representar a España e a Galicia. Foi a súa forma de rebelarse contra o sistema e a dar un paso nunha sociedade que ve "temerosa e acomodada", tal e como explicaba en Praza. Converteuse no deportista "indignado". Outra reivindicativa é Verónica Boquete, a futbolista que leva anos denunciando o machismo no deporte rei e que desde hai semanas implicouse nunha batalla contra as intencións da FIFA de que o Mundial feminino de dispute en herba artificial. Esa Copa do Mundo da que será protagonista coa selección española por primeira vez na historia en 2015 logo doutro ano espléndido na que foi elixida entre as dez mellores xogadoras do mundo e onde alcanzou a final da Liga de Campións co Tyresö sueco. Vero, Pedro e Javi. Tres exemplos entre moitos máis e menos coñecidos.

12. A realidade.gal

Lanzamento do .gal, o pasado maio / CONCHI PAZ

O 2015 será o primeiro ano completo no que existan sitios web co dominio galego. O pasado 16 de maio a Asociación Puntogal culminaba o lanzamento que se remontaba ao  ano 2006. O 25 de xullo, Día Nacional de Galicia, comezaron a funcionar os primeiros dominios, entre eles Praza.gal, e durante o outono superáronse as diferentes fases de rexistro ata ser, por fin, un dominio máis de internet.

Durante o acto de lanzamento, celebrado nun cativo salón sen fiestras da Cidade da Cultura, o presidente de Puntogal, Manuel González, lembrou o "apoio decidido do Goberno presidido por Emilio Pérez Touriño" para iniciar unha andaina que o actual Executivo seguiu apoiando economicamente ata completar todos os requisitos que esixía a ICANN, o organismo internacional que xestiona os dominios. "Cada vez que un usuario abra un enderezo .gal saberá que existe un país que se chama Galicia", asegurou. Ao seu xuízo, este éxito ben podería supoñer unha inxección de autoestima para o país e un estímulo para a "cohesión social e a conciencia de pertenza a unha comunidade".

13. A paralización da mina de Corcoesto

Mobilización contra a mina de Corcoesto / SALVEMOS CABANA

En marzo deste 2014, a Dirección Xeral de Minas comunicaba a paralización definitiva do proxecto mineiro de Corcoesto case medio ano despois do anuncio da suspensión por parte da Xunta de Galicia e logo de meses de enorme mobilización cidadá. Viñase así a confirmar unha vitoria da loita social e popular que, non obstante, mantívose alerta. Porque o Goberno galego, malia ese veto á mina a ceo aberto, confirmou a vixencia da Declaración de Impacto Ambiental (DIA) e a multinacional canadense Edgewater advertiu do seu acordo cun socio para retomar a inciativa. Pero os movementos ecoloxistas e sociais seguiron firmes e denunciaron ante o Valedor a situación. O alto comisionado reafirmou a invalidez da DIA e puxo aínda máis atrancos a unha empresa que mantén a teima, aínda que cada vez con menos esperanzas, ao igual que Cementos Cosmos, cuxos danos sobre importantes espazos e sobre a Cova Eirós están a poñer en alerta tamén a unha cidadanía que volve protexer o que cre seu.

14. A loita obreira que non cesa

Acción reivindicativa 'Carga de dignidade' en Ferrol / SUSETE

O naval nunca se rendeu. E 2014 volveu ser un ano de mobilizacións malia os pequenos encargos que agromaron nos últimos meses para os estaleiros da ría de Ferrol. Poucos para a alarmante situación dun sector que se ve obrigado a mobilizarse na rúa a cada pouco. Unha das últimas veces, cunha cadea humana que uniu a ponte das Pías.

O naval non se rende

Foi só unha das importantes loitas obreiras e de traballadores que se deron en Galicia nestes últimos doce meses e que, por desgraza, seguirán sendo necesarias neste ano que entra. Neste último mes de 2014, os protagonistas foron os traballadores de Alcoa que saíron á rúa, mobilizáronse e reivindicaron os seus postos de traballo ata que a multinacional do aluminio deu marcha atrás co peche da factoría da Coruña e cuns despidos que afectaban uns 400 operarios de forma directa. E só un alivio para unha pelexa que promete continuar para conseguir unha tarifa eléctrica axeitada, máis aínda nun país como Galicia, excedentario na produción pero que paga como o que máis e ve como as súas fábricas teñen enriba a ameaza -ou chantaxe- das grandes compañías.

15. Os medios en galego

Nun panorama complexo e tras anos de sucesivas malas novas o 2015 comeza cun bo número de medios de comunicación a traballar con normalidade en lingua galega. Iniciativas como a Asociación de Medios en Galego agrupan cabeceiras que, con orientacións diversas, apostan por configurar un espazo de comunicación propio. Os proxectos son múltiples e, ademais de na aposta polo idioma, coinciden en que o seu desenvolvemento, asentamento e independencia informativa dependen, en boa medida, do compromiso do público. Por iso, entre as esperanzas para o ano vindeiro, está o alargamento do apoio da comunidade a Praza Pública. Anímaste?

  • Cal é a túa esperanza para 2015? Apetéceche contárnola?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.