O deputado do PPdeG Raúl Santamaría láiase dos impostos que debe pagar polo premio que conseguiu no concurso televisivo Reacción en cadena como parte do equipo Mozos de Arousa. Nunha entrevista con elDiario.es considera que se ben "é certo que todos temos que contribuír" porque "se supón que os impostos son para unha boa causa", que "Facenda leve a metade dun premio dun concurso paréceme un pouco excesivo". Tras a correspondente tributación queda con máis de 400.000 euros do gañado. Na imaxe, Santamaría durante un vídeo gravado para o programa no hemiciclo do Parlamento que deu lugar a un apercibimento ao PP por parte do presidente da institución, o tamén popular Miguel Santalices: "Non sabía que non se podía e tampouco me dixeron nada dende o partido", alega.
