A Xunta dá permiso ambiental para un parque eólico de 11 aeroxeradores entre Barreiros e Ribadeo e rexeita outro polo seu impacto sobre a praia das Catedrais.

A Xunta dá permiso ambiental para un parque eólico de 11 aeroxeradores entre Barreiros e Ribadeo e rexeita outro polo seu impacto sobre a praia das Catedrais.
O Goberno de España suprimirá o IVE do aceite de oliva dende o 1 de xullo e aprobará deixalo co tipo súper reducido (do 4%) xunto a outros alimentos básicos cando deixen de estar en vigor as medidas contra a inflación, na liña do pactado con Junts a comezos de ano. Adiantouno esta mañá a Cadena SER. A espiral inflacionista xeral, unida ás malas colleitas de oliva por mor da seca, contribuíu a disparar os prezos do aceite. Actualmente, o IPC para o aceite medra en Galicia por riba do 40% interanual. [Imaxe: CC-BY Villa Vyctor]
Pontón anuncia que o BNG solicitará unha comisión de investigación no Parlamento "sobre a privatización e a ampliación da concesión da AP9". Tras advertir a Comisión Europea -como avanzaron Faro de Vigo e a Cadena SER- que o Goberno de Aznar "planificaba dende 1999 a privatización de Audasa" e que a prórroga do ano 2000 foi "un mecanismo para aumentar o seu valor de mercado", a líder do Bloque cre preciso aclarar na Cámara todas esas "zonas de sombra".
A xuíza instrutora do Tribunal Supremo envía a xuízo a José Manuel Baltar, na actualidade senador do PP, por un delicto contra a seguridade viaria por presuntamente conducir un coche a 215 km/h na autovía A-52.
Alcaldesas e alcaldes de Galicia e Portugal inauguran en Lugo a praza do Eixo Atlántico, a primeira dedicada nunha localidade galega á entidade que agrupa gobernos locais da Eurorrexión. Esta praza, no barrio lucense da Piringalla, súmase ás que o Eixo Atlántico ten dedicadas en Bragança, Matosinhos, Braga, Vila Nova de Gaia e Viana do Castelo. Cadrando cos actos reuniuse en Lugo a Comisión Executiva do Eixo, con acordos comoa celebración en Sarria da VIII Expocidades en 2025. Na imaxe, a rexedora de Lugo amosa a escultura conmemorativa da nova praza aos seus homólogos de Santiago e Pontevedra en presenza de Luís Nobre, alcalde de Viana do Castelo e actual presidente do Eixo Atlántico. [Imaxe: © Concello de Lugo]
O Ministerio de Cultura inicia os trámites para extinguir a Fundación Francisco Franco ao abeiro da Lei de Memoria Democrática. Así o vén de anunciar o ministro, Ernest Urtasun. A entidade, dedicada a exaltar o ditador, xestionou durante anos as visitas ao Pazo de Meirás, nas que aproveitaba a obriga legal de apertura para divulgar a súa propaganda -na imaxe, unha mostra-. A súa actividade no recinto cesou coa recuperación de Meirás para o patrimonio público en 2020.
O DOG publica a suspensión cautelar de licenzas de negocios ligados ao turismo no casco histórico de Santiago, que entrará en vigor este xoves. A medida decidida polo Concello pode durar ata un ano, período durante o cal o goberno local prevé reformar o Plan Especial que rexe o urbanismo no relativo a usos comerciais nesta contorna para "fomentar o comercio de proximidade", subliñan.
Bankinter absorbe a que fora rede exterior de Novagalicia Banco, a entidade resultante da fracasada fusión de Caixa Galicia e Caixanova. Evo Banco, que foi vendido en 2014 a un fondo de investimento estadounidense por orde do Estado no marco do rescate a Novagalicia, era dende 2019 unha filial de Bankinter, que di pretender con esta operación "potenciar a transformación dixital do grupo". Na imaxe, unha oficina de Evo no inicio da súa actividade [© Evo Banco]
A Executiva Nacional do PSdeG confirma que non autorizou o pacto do alcalde socialista do Carballiño para gobernar a vila en coalición co PP. "En coordinación" coa Executiva provincial ourensá, a dirección que encabeza José Ramón Gómez Besteiro advirte de que, se o pacto chega a "materializarse", tomará "todas as medidas previstas" nas súas normas internas contra os edís.
Noam Chomsky non faleceu. Hai uns minutos cometemos un erro ao publicar un fálase dando conta de maneira apresurada da morte do lingüísta, seguindo as informacións que estaban a difundir medios de todo o planeta, algúns moi próximos ao activista e ante a imposibilidade de confirmalo de forma directa. En calquera caso, isto non xustifica o erro cometido. Pedimos desculpas á nosa audiencia.