A xuíza instrutora do Tribunal Supremo envía a xuízo a José Manuel Baltar, na actualidade senador do PP, por un delicto contra a seguridade viaria por presuntamente conducir un coche a 215 km/h na autovía A-52.

A xuíza instrutora do Tribunal Supremo envía a xuízo a José Manuel Baltar, na actualidade senador do PP, por un delicto contra a seguridade viaria por presuntamente conducir un coche a 215 km/h na autovía A-52.
Alcaldesas e alcaldes de Galicia e Portugal inauguran en Lugo a praza do Eixo Atlántico, a primeira dedicada nunha localidade galega á entidade que agrupa gobernos locais da Eurorrexión. Esta praza, no barrio lucense da Piringalla, súmase ás que o Eixo Atlántico ten dedicadas en Bragança, Matosinhos, Braga, Vila Nova de Gaia e Viana do Castelo. Cadrando cos actos reuniuse en Lugo a Comisión Executiva do Eixo, con acordos comoa celebración en Sarria da VIII Expocidades en 2025. Na imaxe, a rexedora de Lugo amosa a escultura conmemorativa da nova praza aos seus homólogos de Santiago e Pontevedra en presenza de Luís Nobre, alcalde de Viana do Castelo e actual presidente do Eixo Atlántico. [Imaxe: © Concello de Lugo]
O Ministerio de Cultura inicia os trámites para extinguir a Fundación Francisco Franco ao abeiro da Lei de Memoria Democrática. Así o vén de anunciar o ministro, Ernest Urtasun. A entidade, dedicada a exaltar o ditador, xestionou durante anos as visitas ao Pazo de Meirás, nas que aproveitaba a obriga legal de apertura para divulgar a súa propaganda -na imaxe, unha mostra-. A súa actividade no recinto cesou coa recuperación de Meirás para o patrimonio público en 2020.
O DOG publica a suspensión cautelar de licenzas de negocios ligados ao turismo no casco histórico de Santiago, que entrará en vigor este xoves. A medida decidida polo Concello pode durar ata un ano, período durante o cal o goberno local prevé reformar o Plan Especial que rexe o urbanismo no relativo a usos comerciais nesta contorna para "fomentar o comercio de proximidade", subliñan.
Bankinter absorbe a que fora rede exterior de Novagalicia Banco, a entidade resultante da fracasada fusión de Caixa Galicia e Caixanova. Evo Banco, que foi vendido en 2014 a un fondo de investimento estadounidense por orde do Estado no marco do rescate a Novagalicia, era dende 2019 unha filial de Bankinter, que di pretender con esta operación "potenciar a transformación dixital do grupo". Na imaxe, unha oficina de Evo no inicio da súa actividade [© Evo Banco]
A Executiva Nacional do PSdeG confirma que non autorizou o pacto do alcalde socialista do Carballiño para gobernar a vila en coalición co PP. "En coordinación" coa Executiva provincial ourensá, a dirección que encabeza José Ramón Gómez Besteiro advirte de que, se o pacto chega a "materializarse", tomará "todas as medidas previstas" nas súas normas internas contra os edís.
Noam Chomsky non faleceu. Hai uns minutos cometemos un erro ao publicar un fálase dando conta de maneira apresurada da morte do lingüísta, seguindo as informacións que estaban a difundir medios de todo o planeta, algúns moi próximos ao activista e ante a imposibilidade de confirmalo de forma directa. En calquera caso, isto non xustifica o erro cometido. Pedimos desculpas á nosa audiencia.
O eurodeputado do PP Millán Mon propón que sexa ilegal cubrir o escano dun membro do Parlamento Europeo se dimite para dar paso ao seguinte integrante a candidatura. Así o afirmou nunha entrevista na Radio Galega no marco dunha crítica ao BNG polos acordos da coalición Agora Repúblicas, que inclúen a entrada na Eurocámara dos seus membros en función dos resultados en cadansúas circunscricións. Na imaxe, Millán Mon nun mitin con Rueda durante a campaña das recentes eleccións europeas.
MEDALLAS CASTELAO 2024 | A Xunta concede a Medalla Castelao ás Leilía; á Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí a través de Maite Isla; ao xogador de squash Borja Golán; a Amancio López Seijas, presidente do grupo hoteleiro Hotusa e organizador do Foro La Toja, e mais á Asociación de Médicos Gallegos (Asomega). Os galardóns entréganse cadrando co aniversario do regreso a Galicia dos restos de Castelao en 1984 e tamén do plebiscito do primeiro Estatuto galego, en 1936. Na imaxe, acto de entrega dos galardóns en 2023.
Inés Rey remodela o goberno da Coruña e asigna un distrito da cidade a cada edil. Nereida Canosa asume a área de Benestar Social, ata agora dirixida por Yoya Neira, nova concelleira de Medio Ambiente, cuxa ata agora titular, Noemí Díaz, pasa a Infraestruturas e Mobilidade. Gonzalo Castro suma á concellaría de Cultura as competencias de Turismo, que ata agora xestionaba Diana Cabanas, que agrega Emprego á súa área de Comercio e Mercados. José Manuel Lage, edil de Economía, terá tamén a coordinación de "proxectos estratéxicos" pero xa non a de Planificación Urbana. "Podémonos sentir orgullosos polo que ten avanzado a cidade nestes cinco anos, mais considero que como goberno aínda temos marxe de mellora en termos de xestión, eficacia e cercanía", sinala a rexedora na presentación das mudanzas, que eliminan a estrutura de tres grandes áreas para coordinar as concellarías. [Imaxe: © Concello da Coruña]