Incautados 229 quilos de cocaína nun buque mercante atracado no porto exterior da Coruña. Segundo informa a Delegación do Goberno de España en Galicia, o Energy Glory, de bandeira panameña, atracou en Punta Langosteira o pasado sábado, nunha escala con destino cara a Huelva, cunha carga declarada de 25.000 toneladas de fariña. Foi o domingo cando o grupo de operacións especiais da Garda Civil, que operou conxuntamente con Vixilancia Aduaneira, localizou 8 fardos de cocaína nun conduto de refrixeración, con 229 paquetes dun quilo. Nas imaxes, os fardos incautados, na comandancia da Garda Civil en Lonzas (A Coruña), onde acudiu o delegado gobernamental este luns a dar os parabéns aos responsables do operativo.
Fálase
O río Ulla chegará a Compostela esta mañá nunha gran mobilización contra a fábrica de Altri. Ducias de autobuses saen de todos os recantos de Galicia para levar persoas e pancartas decididas a berrar Altri Non este mediodía en Santiago nunha acción organizada por Ulloa Viva e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa para frear a instalación en Palas.
O BNG urxe medidas para reverter a situación de “emerxencia lingüística” do galego. A portavoz de Lingua do BNG, Mercedes Queixas, vén de remitir unha carta ao conselleiro de Cultura, José López Campos, onde traslada a súa preocupación pola falta de resposta do Goberno ás propostas que a formación nacionalista lle trasladou xa na primeira das reunións convocadas no marco do pacto polo idioma, para reverter a situación de “emerxencia lingüística” do galego e iniciar a necesaria recuperación do noso idioma.
O Parlamento de Corea do Sur destitúe o presidente Yoon por declarar a lei marcial. O Parlamento surcoreano aprobou este sábado a destitución do presidente, Yoon Suk-yeol, por declarar a lei marcial o pasado 3 de setembro e fíxoo co apoio de deputados da formación do mandatario.
[Imaxe: KOCIS en Flickr]
Contra a masificación turística, desde o corazón do Nadal vigués. A Plataforma Fronte á Masificación Turística Vigo-Morrazo, integrada por 18 organizacións sociais, organizou este venres unha acción de protesta na Farola de Urzaiz de Vigo para reclamar un ‘Vigo e Morrazo para vivir’ . “Non estamos en contra do Nadal, nin dos dereitos humanos ao lecer e ao descanso. O que rexeitamos é converter o centro da nosa cidade nun parque temático para o turista”, di María Pérez, da Federación Veciñal Eduardo Chao.
O Goberno central convocará as comunidades en xaneiro para negociar a quita da débeda autonómica. Anunciouno este venres Pedro Sánchez na Conferencia de Presidentes, que se celebra en Santander, onde propuxo ás comunidades autónomas un pacto sobre vivenda para "blindar o carácter público e social das vivendas financiadas con recursos públicos", acadar o 20% do parque público de vivenda e reformar a lei do solo.
A folga de 24 horas na CRTVG afecta a diversos programas da Televisión de Galicia e a Radio Galega. "Malia as 149 persoas en servizos mínimos o paro afecta á programación", resalta o comité intercentros, que expuxo as súas demandas cunha concentración na compostelá Praza do Toural -na imaxe-. Mentres, no Parlamento, o director xeral dos medios públicos, Alfonso Sánchez Izquierdo, liga o comité co BNG e acúsao de propiciar o despedimento de persoal de produtoras privadas que realizan programas para a Televisión de Galicia.
A Galicia deseñada xa é un libro. A viaxe polos símbolos, marcas e a identidade visual do país ao longo da historia que protagonizou en 2022 unha exposición na Universidade da Coruña vira agora nun volume de 700 páxinas "coa vontade de contribuír á creación dunha historiografía do deseño galego". O traballo, que xa está á venda, é obra de Marcos Dopico, Cibrán Rico, Suso Vázquez, conta cun prólogo de Pepe Barro e está coeditado por Fabulatorio e a UDC. [Imaxe: ©Fabulatorio]
A estación ferroviaria provisional da Coruña abrirá este sábado, 14 de decembro, e estará operativa ata xuño de 2026. O novo edificio, a uns 350 metros do edificio orixinal funcionará durante as obras de construción da nova terminal intermodal da cidade. A estación provisional foi visitada este xoves por responsables do Adif xunto ao delegado do Goberno de España en Galicia, Pedro Blanco; a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e outros cargos. [Imaxes: Ministerio de Transportes e Concello da Coruña]
- HEMEROTECA | Puente, Calvo... De quen son estes colapsos no transporte?
- HEMEROTECA | Autovía ata Melide este ano e intermodal o vindeiro: os anuncios de Transportes en Lugo alén AP-9
- HEMEROTECA | Máis trens a Madrid e mudanzas moi puntuais de buses, as respostas de Renfe e Xunta á insuficiencia do transporte interurbano
- HEMEROTECA | As estacións intermodais, campo de batalla cara ás eleccións municipais nas cidades
O deputado do PPdeG Raúl Santamaría láiase dos impostos que debe pagar polo premio que conseguiu no concurso televisivo Reacción en cadena como parte do equipo Mozos de Arousa. Nunha entrevista con elDiario.es considera que se ben "é certo que todos temos que contribuír" porque "se supón que os impostos son para unha boa causa", que "Facenda leve a metade dun premio dun concurso paréceme un pouco excesivo". Tras a correspondente tributación queda con máis de 400.000 euros do gañado. Na imaxe, Santamaría durante un vídeo gravado para o programa no hemiciclo do Parlamento que deu lugar a un apercibimento ao PP por parte do presidente da institución, o tamén popular Miguel Santalices: "Non sabía que non se podía e tampouco me dixeron nada dende o partido", alega.