Cara aos anos vinte tras un 2019 de eleccións e mobilizacións que racharon os marcos

O máis lido do 2019 en Praza.gal CC-BY-NC-SA Praza Pública

Velaí vai o 2019, velaí vén o 2020. Ás portas do derradeiro ano da década, o primeiro dos anos vinte, aproveitamos para botar un chisco a vista atrás e repasar os últimos doce meses da man da audiencia de Praza.gal. As informacións máis consultadas no noso xornal durante o ano que rematan amosan como o 2019 foi en Galicia un ano marcado polas convocatorias electorais -xerais en abril e novembro, e europeas e municipais, e maio-, pero tamén por movementos e mobilizacións sociais que racharon cos marcos clásicos e que, un ano máis, tiveron en boa medida rostro feminino. 

Velaquí a vintena de novas máis lidas en Praza.gal durante o ano 2019. Repasamolas para irmos cara aos anos vinte.

1 | Galicia é xunto con Euskadi, Navarra e A Rioxa o único territorio sen deputados de Vox

Un dos grandes titulares da noite electoral do 10N foi o ascenso da formación de extrema dereita Vox ata tornar en terceira forza do novo Congreso. En Galicia esa suba tamén se produciu, pero sen chegaren a lograr representación parlamentaria.

2 | O 8M feminista fai agromar na aldea de Loureiro a primeira manifestación da súa historia

Manifestación feminista na aldea de Loureiro (Nogueira de Ramuín) CC-BY-SA Praza Pública

A pequena aldea de Loureiro (Nogueira de Ramuín), duns 60 habitantes, celebrou a primeira manifestación da súa historia durante a mobilización feminista do pasado 8M.

3 | Os 11 campos de concentración franquistas en Galicia, o espazo dunha "estratexia de terror"

O xornalista Carlos Hernández presentou a súa investigación Los campos de concentración de Franco. O libro amplía notablemente o número de campos que ata agora se coñecían (os estudos máis fiables cifrábanos en 188) e afonda na súa historia e características.

4 | Seis meses de cadea para os donos dunha panadería de Pontevedra que prohibían descansar ao persoal

A empresa só lles daba descanso en Nadal e Aninovo non pagaba as horas extra aos traballadores nin cotizaba por elas, acumulando unha débeda de 238.000 euros coa Seguridade Social

5 | Persoal da TVG revela "represalias" á xornalista que denunciou o boicot da canle á folga do 8M

Marga Pazos, durante un dos 'venres negros' reivindicativos na CRTVG © Defende A Galega

O comité intercentros da CRTVG advertiu en febreiro de que Marga Pazos foi "afastada" das tarefas de redactora por participar nas mobilizacións polos medios públicos, pola defensa da lingua e por denunciar o boicot da TVG á folga feminista. En xuño, un xulgado desestimou a súa demanda por este motivo contra a empresa pública.

6 | Onde me podo manifestar o 8M? Horarios e lugares das convocatorias

Tras do éxito da manifestación unitaria en Lugo, o movemento feminista preparou numerosas mobilizacións por todo o país durante a xornada da folga feminista do 8 de marzo.

7 | Sés: "Cada vez me resulta máis ridículo e denigrante o ton moderado da esquerda ante o fascismo e o abuso actual"

María Xosé Silvar, Sés © Sés

Ao fío da publicación do seu disco Rabia ao silencio, conversamos con Sés sobre o seu traballo, o país e a vida. Explicounos os detalles dun disco no que achega aos máis novos -e non só- unha serie de cancións de autor, populares e folclóricas vinculadas a distintos movementos sociais e políticos do século XX. Sés respondeu como fala ela sempre: directa, coas cousas claras e sen medo a dicir o que pensa.

8| A 'Guía dos elementos químicos' non se poderá usar na ESO pola prohibición de impartir a materia en galego

A principios de ano presentábase a nova versión en galego da Guía dos elementos químicos, unha completa publicación que, paradoxalmente, está vetada nas aulas galegas de Secundaria. A causa é que o vixente decrego "do plurilingüismo" estipula no seu artigo sétimo o Decreto  que se impartirán en castelán na ESO "as materias de Matemáticas, Tecnoloxías e Física e química"

9 | A masiva protesta das enfermeiras eventuais en Silleda ábrelle á Xunta outro conflito na sanidade

Protesta de enfermeiras eventuais en Silleda © Eventuais en Loita

“Este día marca un antes e un despois.... E só é o principio”. Así reflexionaban o pasado maio diversas participantes na inédita mobilización contra a eventualidade e precariedade no Sergas durante as probas do concurso oposición de enfermaría celebradas en Silleda. O enorme pavillón para a celebración dos exames quedou tinguido polo negro co que vestiron milleiros dos participantes como forma de visibilizar unha loita contra as “pésimas condicións de traballo” no sistema sanitario público galego.

10 | O feminismo galego volve desbordar noutro 8M histórico na loita pola igualdade

Manifestación na Coruña, no serán do 8M do 2019 © Andy Pérez / Concello da Coruña

É difícil pensar nun movemento social e político que sexa quen de facer historia dúas veces en doce meses na Galicia da segunda década do século XXI. Nun movemento que non sexa o feminismo. Como xa sucedera en 2019, o movemento feminista desbordou o 8M en rúas e prazas de vilas e cidades galegas

11 | A ONU avalía por primeira vez en Galicia a discriminación do galego

O relator da Oficina do Alto Comisionado da ONU para os Dereitos Humanos visitou Galicia para recoller información sobre a vulneracion dos dereitos lingüísticos

12 | 'Un violador no teu camiño' resoou na Praza do Obradoiro nunha espectacular acción colectiva do feminismo

 "Estamos coa adrenalina subida. Este é un canto colectivo que nos axuda a todas a estar máis fortes e a sentirnos parte dunha referencia común", explicaron as impulsoras na capital galega desta iniciativa, que se estende por todo o mundo.

13 | 'O que arde' convértese no primeiro filme que se proxecta en galego no Festival de Cannes

Amador Arias Mon, Benedicta Sanchez Vila e Oliver Laxe, no Festival de Cannes © Festival de Cannes

O que arde, o terceiro filme de Oliver Laxe, presentouse en maio no Festival de Cannes dentro da sección competitiva Un certain regard.  A longametraxe convértese na primeira película que se proxecta en lingua galega no prestixioso festival francés. Dende aquela, o seu éxito seguiu a medrar e en novembro logrou alzarse como o filme en galego máis visto da historia en salas comerciais.

14 | Adeus a Chelo Rodríguez, a última guerrilleira antifranquista galega

Aurora Marco, con Chelo Rodríguez López en 2006 © Aurora Marco

Tivo que ser un 18 de xullo, o deste 2019, cando só a vellez puido derrotar a Consuelo Rodríguez López, Chelo, a última guerrilleira antifranquista galega. Exiliada desde había 70 anos en Francia, alí faleceu, na illa de Ré, xusto cando se cumprían 83 do golpe fascista cuxa represión levou por diante boa parte da súa familia e tras a que ela se uniu á loita contra o franquismo. 

15 | O bombeiro galego agredido por ultradereitistas en Madrid: "Peor que os golpes foi a apatía da xente"

Miguel Uclés, co casco vermello, nunha mobilización CC-BY-NC-SA CIG

Miguel Uclés é presidente da Plataforma de Bombeiros Públicos de Galicia. En outubro desprazouse a Madrid xunto a milleiros de compañeiros de Galicia e doutros territorios para reclamar un servizo público de calidade e unha “lei marco” que regule todos os profesionais do Estado. A xornada reivindicativa acabou mal para este traballador do parque vigués, que foi agredido por un grupo fascista entre insultos e berros como “puto independentista”

16 | 85 barcos pesqueiros galegos, listos para recoller plásticos no mar para a súa reciclaxe

Case un cento de barcos pesqueiros de arrastre dos portos da Coruña, Celeiro, Burela e Corme participaron na iniciativa “Upcycling the Oceans”, un proxecto que busca recuperar residuos presentes no mar para reciclalos, dándolles novos usos na industria téxtil. 14 das embarcacións pertencen ao porto da Coruña, 7 ao de Burela, 50 ao de Celeiro e os 14 restantes ao de Corme, sumando un total de 1.380 mariñeiros

17 | Por que case non hai bandeiras azuis nas praias vascas?

Galicia ten este ano o menor número de bandeiras azuis da última década, un total de 107, unhas 24 menos que hai catro anos. Nos últimos anos foron varios os concellos galegos que comezaron a renunciar a esta distinción privada. Por exemplo Nigrán, que se uniu a varias localidades da ría de Arousa (O Grove, Ribeira, A Pobra ou Rianxo) ou a Barreiros. Este movemento de retroceso das bandeiras azuis non é exclusivo de Galicia e de feito está a ser moito máis intenso noutros territorios, especialmente o País Vasco

18 | Clamor masivo pola sanidade pública: "Co lío que hai aquí e Feijóo está en Madrid"

A praza da Quintana, ateigada na manifestación pola sanidade pública CC-BY-SA Praza Pública

O centro de Santiago volveu ateigarse a comezos de febreiro contra a política sanitaria de Feijóo. Milleiros de persoas encheron as rúas -e a praza da Quintana no final- contra os "recortes", a "privatización" e a "deterioración" da sanidade pública, golpeada por conflitos e protestas en todos os seus ámbitos, sobre todo nos últimos meses. As persoas mobilizadas non pasaron por alto que, ao mesmo tempo, Feijóo participaba nunha manifestación convocada polo PP e Ciudadanos en Madrid, á que se sumou Vox, para rexeitaren un suposto risco de ruptura de España.

19 | Unha cantante da orquestra Panorama denuncia acoso machista nas redes sociais

Fátima Pego, nunha actuación da orquestra Panorama © Pau.S.A Photography / Orquestra Panorama

A cantante, actriz e presentadora Fátima Pego adoita divulgar a través das redes sociais mensaxes contra a violencia machista e a prol da igualdade de xénero. O pasado agosto, a estas mensaxes engadiuse unha en primeira persoa,a da denuncia de acoso machista que ela mesma estaba a sufrir a través da súa conta de Instagram, onde normalmente comparte diversas imaxes da súa actividade profesional na orquestra Panorama e na Televisión de Galicia.

20 | Os problemas da Xunta para cubrir baixas de enfermaría durante as oposicións constatan a escaseza de persoal fixo

O Sergas tivo serias dificultades para cubrir as baixas do domingo 12 de maio pola asistencia da maioría do persoal de enfermaría ás oposicións. Xusto o que denunciaban moitas das enfermeiras participantes no proceso selectivo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.