O Son do Camiño avanza o seu cartel de 2025 con artistas e bandas como Kings of Leon, Bryan Adams, Estopa, Bad Gyal, Franz Ferdinand ou The Rapants e nomes coma o da DJ Teresa Ferreiro no seu novo espazo dedicado á música electrónica. Os primeiros abonos do festival, que se celebra en Santiago do 12 ao 14 de xuño, saen á venda este xoves.
Fálase
Rueda anuncia que Xunta e Goberno de España veñen de "pechar un acordo" para a transferencia da xestión do litoral. Cando se concrete o traspaso será a primeira competencia transferida polo Estado a Galicia en 16 anos. As últimas ata o momento datan de 2008, co Goberno de coalición de PSdeG e BNG na Xunta e o do PSOE de José Luis Rodríguez Zapatero no Estado. Na imaxe, o presidente da Xunta con Pedro Sánchez o pasado setembro na Moncloa.
- AMPLIAMOS 👉 Xunta e Estado desbloquean o primeiro traspaso de competencias en 16 anos para un litoral baixo o foco da UE
- HEMEROTECA | Rueda sae da reunión con Sánchez sen quita da débeda galega e coa transferencia "inmediata" do litoral ditada polo Constitucional
- HEMEROTECA | Comisión de transferencias: dos "traspasiños" á lei do litoral
- HEMEROTECA | O Constitucional avala por unanimidade a Lei do Litoral da Xunta que recorrera o Goberno de España
A Executiva do PSdeG propón celebrar o Congreso Nacional do partido os vindeiros 8 e 9 de marzo na Cidade da Cultura. Julio Torrado, voceiro da dirección que encabeza José Ramón Gómez Besteiro, sinala que coas datas escollidas pretenden reforzar a idea de que este sexa "o congreso da igualdade, concibida no seu marco máis amplo". As datas da cita congresual, na que Besteiro aspirará a continuar como secretario xeral, serán ratificadas o vindeiro sábado no Comité Nacional da formación, máximo órgano entre congresos.
Hai hoxe cinco anos a Unión Astronómica Internacional deu o nome de Rosalía de Castro á estrela anteriormente coñecida como HD 149143, unha anana amarela semellante ao noso Sol situada a 240 anos luz na constelación de Ofiúco. Ademais, acordouse que o seu exoplaneta HD 149143 b leve o nome de Riosar. Foi o resultado dun proceso aberto no que 110 países de todo o mundo puideron nomear cadansúa estrela. A proposta galega, impulsada pola Agrupación Astronómica Ío co apoio da Fundación Rosalía de Castro e a e a Asociación Cultural Alexandre Bóveda, foi a máis votada no Estado español.
Rafael Louzán, elixido presidente da Federación Española de Fútbol ao obter 90 dos 138 votos na asemblea da RFEF celebrada este luns. Sobre o ex-presidente da Deputación de Pontevedra e da Federación Galega de Fútbol pesa unha sentenza de inhabilitación por un cargo de prevaricación, que o podería apartar do cargo. Louzán vén agarrándose a que a sentenza definitiva está aínda pendente dun recurso de casación presentado ante o Tribunal Supremo, que tratará a cuestión o vindeiro 5 de febreiro. Louzán podería converterse no cuarto presidente consecutivo da RFEF en ser inhabilitado.
O novo auditorio de Lugo levará o nome de Fuxan os Ventos. A proposta foi a máis votada na consulta popular realizada nos últimos días e na que podían participar todas as persoas residentes da cidade maiores de 15 anos. Fuxan os Ventos obtivo 1.966 votos e superou con claridade a Darío Xohán Cabana (542), Maruja Mallo (370) e Maruxa Villaverde (129). O recinto inaugurarase este venres cun concerto de Ainhoa Arteta
Incautados 229 quilos de cocaína nun buque mercante atracado no porto exterior da Coruña. Segundo informa a Delegación do Goberno de España en Galicia, o Energy Glory, de bandeira panameña, atracou en Punta Langosteira o pasado sábado, nunha escala con destino cara a Huelva, cunha carga declarada de 25.000 toneladas de fariña. Foi o domingo cando o grupo de operacións especiais da Garda Civil, que operou conxuntamente con Vixilancia Aduaneira, localizou 8 fardos de cocaína nun conduto de refrixeración, con 229 paquetes dun quilo. Nas imaxes, os fardos incautados, na comandancia da Garda Civil en Lonzas (A Coruña), onde acudiu o delegado gobernamental este luns a dar os parabéns aos responsables do operativo.
O río Ulla chegará a Compostela esta mañá nunha gran mobilización contra a fábrica de Altri. Ducias de autobuses saen de todos os recantos de Galicia para levar persoas e pancartas decididas a berrar Altri Non este mediodía en Santiago nunha acción organizada por Ulloa Viva e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa para frear a instalación en Palas.
O BNG urxe medidas para reverter a situación de “emerxencia lingüística” do galego. A portavoz de Lingua do BNG, Mercedes Queixas, vén de remitir unha carta ao conselleiro de Cultura, José López Campos, onde traslada a súa preocupación pola falta de resposta do Goberno ás propostas que a formación nacionalista lle trasladou xa na primeira das reunións convocadas no marco do pacto polo idioma, para reverter a situación de “emerxencia lingüística” do galego e iniciar a necesaria recuperación do noso idioma.
O Parlamento de Corea do Sur destitúe o presidente Yoon por declarar a lei marcial. O Parlamento surcoreano aprobou este sábado a destitución do presidente, Yoon Suk-yeol, por declarar a lei marcial o pasado 3 de setembro e fíxoo co apoio de deputados da formación do mandatario.
[Imaxe: KOCIS en Flickr]