Queremos Galego concéntrase na Praza do Obradoiro unha semana antes da manifestación convocada baixo o lema Lingua vital xa! para o vindeiro domingo, 23 de febreiro, coincidindo co Día de Rosalía de Castro. [📸 Óscar Antón Pérez García]

Queremos Galego concéntrase na Praza do Obradoiro unha semana antes da manifestación convocada baixo o lema Lingua vital xa! para o vindeiro domingo, 23 de febreiro, coincidindo co Día de Rosalía de Castro. [📸 Óscar Antón Pérez García]
A Consellería do Mar e a Universidade de Santiago de Compostela van analizar o impacto que tería unha redución da presión impositiva sobre as preferencias das persoas no consumo de peixe e marisco. Asinan un convenio financiado en parte polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura para a creación dun modelo que permita mellorar as análises e medición de impactos asociados a cambios nos impostos, como pode ser o IVE, ou nas preferencias dos consumidores. Un estudo e que serviría de base á modelización dunha campaña de promoción do consumo de peixe que estimule a demanda. [📸 CC-BY-SA USC]
Veciñanza de Ribeira mobilízase coa Plataforma en defensa da sanidade pública da comarca da Barbanza para reclamar a cobertura "inmediata e permanente" das dúas prazas de Medicina de Familia vacantes no centro de saúde de Aguiño. Este sábado saíron á rúa para solicitar á Consellería de Sanidade, como veñen facendo cada semana dende hai meses, "máis profesionais, máis medios e máis compromiso coa atención primaria", e que cesen o "desleixo" e os "recortes". "Non queremos máis solucións temporais", aseguran no manifesto que leron esta tarde.
O PPdeG celebra o primeiro aniversario da vitoria electoral do 18F. "É un orgullo suceder o primeiro presidente elixido democraticamente", asegurou Alfonso Rueda en referencia a Xerardo Fernández Albor. O presidente da Xunta e do PPdeG reivindicou a "memoria inmensa" de Manuel Fraga e desfíxose en loas para Alberto Núñez Feijóo.
"Rueda foi a persoa axeitada no momento axeitado", recoñeceu Feijóo, mentres que o presidente da Xunta celebrou como o actual líder do PP estatal "deixou feita a súa sucesión" en Galicia. "Os presidentes do PP contamos as maiorías de catro en catro en Galicia, acompañarémoste nas seguintes", incidiu Feijóo nun discurso en castelán no que tamén fixo apreciacións como que "os galegos sempre din o que queren, non din depende, din PPdeG e maioría absoluta".
"Este País non lle vai perdoar a Rueda a súa deslealdade con Galiza e coa xente: Altri vai ser a tumba do PP", afirmou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, no Parlamento Aberto organizado polo Bloque este sábado, un foro con expertos e representantes de colectivos afectados. Pontón advertiu que a súa formación non vai permitir "que nos colen como industrialización o que é destrución, contaminación e máis eucaliptización", en referencia ao proxecto de macrocelulosa que Altri pretende instalar na Ulloa "en alianza coa Xunta".
Tres anos do afundimento do Villa de Pitanxo en augas de Terranova. Familiares e achegados das 21 persoas falecidas nesta traxedia, que está a ser xulgada, convocaron un acto de homenaxe en Marín ao que asistiu o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, así como outras autoridades como o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, quen manifestou a súa "esperanza" de que "se esclarezan os feitos e se depuren responsabilidades" para que "se faga xustiza". Unha delegación do BNG encabezada pola eurodeputada Ana Miranda reclamou no acto "que a investigación non se demore máis". "Non pode ser que tres anos despois a Comisión de investigación de Accidentes Marítimos siga demorando este informe", manifestou Miranda.
O Sindicato Labrego Galego denuncia que Cobre San Rafael formulou unha reclamación ante a Valedora do Pobo en contra da aprobación parcial de acceso á información relativa ao expediente de declaración como Proxecto Industrial Estratéxico do plan para a reapertura da mina de Touro-O Pino, emitido pola Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético en decembro. "Estamos ante unha empresa que pretende campar ás súas anchas, tanto que non está disposta a permitir que a Administración pública faga nin unha mínima acción que poida prexudicar os seus intereses, nin sequera nalgo tan básico como respectar a lexislación de acceso á información pública", critica Margarida Prieto do SLG. [📸 Terreos da antiga explotación mineira en Touro © Adega]
A Xunta informa de que está a realizar un seguimento das praias na comarca do Barbanza "para comprobar o seu estado ante a aparición puntual de 'pellets' nalgunhas delas". A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático constatou a "presenza testemuñal" destes granulados plásticos nalgúns areais ao tempo que, asegura nun comunicado, procedeu a retiralos mentres continúa a "avaliar a situación" e "calibrar de xeito global" as dimensións deste episodio. [📸 Restos de 'pellets' no Parque Natural de Corrubedo en xaneiro de 2024 CC-BY-SA Greenpeace Galicia]
A CIG presenta unha denuncia na Fiscalía pola falta de medidas de seguridade no Hospital da Coruña e pide que se investigue se houbo un delito penal por parte da Xerencia da área sanitaria da Coruña-Cee ao "non implementar medidas preventivas", tendo en conta a agresión rexistrada o pasado 3 de febreiro no servizo de urxencias do CHUAC. A central sindical solicita que, de ser o caso, a Fiscalía inicie as actuacións legais oportunas.
O Goberno de España insta a Feijóo a "preocuparse menos do acceso privado do seu chalé á praia" e "aplicar a Lei de Vivenda" nas autonomías do PP como Galicia "para que baixen os alugueiros". O ministro para a Transformación Dixital, Óscar López, pronunciouse deste xeito na Coruña sobre a concesión solicitada pola parella do ex-presidente e actual líder do PP ata 2037 para o acceso á praia do seu chalé en Moaña, que Costas quere recuperar para uso público. López viaxou á cidade co gallo do inicio dos traballos da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA) na Casa da Veeduría, sede provisional da institución ata o acondicionamento do edificio da Terraza. Vídeo de RTVE divulgado polo ministro a través das redes sociais.