Tres anos do afundimento do Villa de Pitanxo en augas de Terranova. Familiares e achegados das 21 persoas falecidas nesta traxedia, que está a ser xulgada, convocaron un acto de homenaxe en Marín ao que asistiu o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, así como outras autoridades como o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, quen manifestou a súa "esperanza" de que "se esclarezan os feitos e se depuren responsabilidades" para que "se faga xustiza". Unha delegación do BNG encabezada pola eurodeputada Ana Miranda reclamou no acto "que a investigación non se demore máis". "Non pode ser que tres anos despois a Comisión de investigación de Accidentes Marítimos siga demorando este informe", manifestou Miranda.
