O Goberno de España entrega a Anxo Quintana a Medalla á Promoción dos Valores da Igualdade. O ex-vicepresidente da Xunta e antigo líder do BNG é unha das 94 persoas ás que o Ministerio de Igualdade outorgou esta distinción pola súa contribución, como membros das Cortes, á aprobación da Lei Integral contra a Violencia de Xénero, de cuxa entrada en vigor se fixeron recentemente vinte anos. Quintana, daquela senador en representación do Parlamento, agradeceu o recoñecemento durante o acto de entrega, celebrado na Subdelegación gobernamental en Ourense, e subliñou que daquela "pensabamos que aquilo era un primeiro paso importante", se ben "resulta preocupante que a día de hoxe esteamos inmersos nunha batalla por conservar os dereitos das mulleres e os principios de igualdade". [Imaxe: © Goberno de España]