Incautados 229 quilos de cocaína nun buque mercante atracado no porto exterior da Coruña. Segundo informa a Delegación do Goberno de España en Galicia, o Energy Glory, de bandeira panameña, atracou en Punta Langosteira o pasado sábado, nunha escala con destino cara a Huelva, cunha carga declarada de 25.000 toneladas de fariña. Foi o domingo cando o grupo de operacións especiais da Garda Civil, que operou conxuntamente con Vixilancia Aduaneira, localizou 8 fardos de cocaína nun conduto de refrixeración, con 229 paquetes dun quilo. Nas imaxes, os fardos incautados, na comandancia da Garda Civil en Lonzas (A Coruña), onde acudiu o delegado gobernamental este luns a dar os parabéns aos responsables do operativo.