Bluesky xa está en galego. Cadrando coa popularización desta rede social nas últimas semanas, o impulso da comunidade volve ser clave para a extensión do noso idioma en internet. A interface en galego vén de ser incorporada canda a última actualización da plataforma e está dispoñible en versión web e na aplicación de Android. Os impulsores da iniciativa Bluesky en galego avanzan a próxima chegada da tradución tamén para iOS. Foi posible grazas ao impulso de Carlos Vieito, Alexandre Espinosa e Xurxo GP: "O activismo pola lingua está máis vivo ca nunca", sinalan para lembrar que a chegada do galego ao antigo Twitter tamén foi grazas ao impulso da comunidade de persoas usuarias.
