Liberado nos Ancares o voite negro rescatado no recinto feiral do San Froilán de Lugo o pasado outubro. Tras case dous meses no Centro de Recuperación de Fauna Silvestre do Veral, onde chegou "nun estado moi feble debido á baixa temperatura corporal e a unha lixeira deshidratación", explica a Consellería de Medio Ambiente, "deu rapidamente mostras de recuperación". Ten arredor dun ano de vida e pesa uns catro quilos e medio. "Para a súa liberación tivéronse en conta tanto as medidas hixiénico-sanitarias para evitar a introdución de enfermidades ou patóxenos no medio natural como as condicións ambientais", agrega Medio Ambiente sobre este exemplar xuvenil dunha especie "pouco habitual en Galicia". [Imaxe: CC BY-SA Xunta]