A xuíza instrutora ordena a apertura de xuízo oral contra José Manuel Baltar, na actualidade senador do PP, por un delicto contra a seguridade viaria por presuntamente conducir un coche a 215 km/h na autovía A-52.
![](https://praza.gal/media/cache/live_image/uploads/20230428-montaxe-baltar-coche-60fb5b4-cd4a6fe-4ca3eb8.jpeg)
A xuíza instrutora ordena a apertura de xuízo oral contra José Manuel Baltar, na actualidade senador do PP, por un delicto contra a seguridade viaria por presuntamente conducir un coche a 215 km/h na autovía A-52.
A Xunta informa de que Galicia acollerá "26 nenos, nenas e adolescentes migrantes non acompañados chegados a Canarias e Ceuta, ante a saturación dos recursos destes territorios". A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, participou no pleno da Conferencia Sectorial de Infancia e Adolescencia no que as comunidades do PP só aceptaron recibir este ano a 400 menores —347 na Península, 40 en Canarias e 13 en Ceuta— cando na actualidade hai 6.000 nas illas Canarias, que teñen un sistema adaptado para acoller a 2.000. Pola súa banda, Vox emitiu un comunicado no que considera rotos os seus pactos co PP nos diferentes gobernos autonómicos. O partido de extrema dereita celebrará este xoves un comité executivo extraordinario.
O PP frea a comisión de investigación sobre a prórroga da concesión da AP-9 e posterior venda da autoestrada por parte do Goberno de Aznar. A solicitude do BNG recibiu o apoio o PSdeG e decaeu cos votos do PP, que argumenta que "non existe responsabilidade xudicial ou política no ámbito galego" a respecto desas decisións e agrega que o Bloque "omite que o que está a investigar a Comisión Europea" son as "dúas prórrogas" da concesión, tanto "a concedida por Felipe González por 10 anos" como a de Aznar por 25. En realidade, a pescuda da UE refírese unicamente á prórroga de Aznar. O nacionalista Luís Bará considera que, co seu "non" a investigar este "pelotazo", os populares viran en "cómplices da maior aldraxe a Galiza no que vai de século".
A Nasa destaca un novo recoñecemento á astrofísica viguesa Begoña Vila, que recibe o Título de excelencia galega en Ciencias e Medicina da Asociación de empresarios gallegos de Catalunya polas súas "cualidades humanas" e a súa "exitosa traxectoria como investigadora nos proxectos máis ambiciosos para explorar a orixe do Universo". Vila traballa como enxeñeira de sistemas no centro espacial Goddard da axencia estadounidense, participou desde o comezo no desenvolvemento do telescopio espacial James Webb e agora forma parte do equipo que traballa no que será o Nancy Grace Roman Space Telescope. [Fotografía © Nasa]
O presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, novo presidente do Deportivo da Coruña. O club coruñés anuncia a remuda na súa presidencia ao tempo que incorpora ao seu consello de administración a Marta Fernández Currás, primeira conselleira de Facenda do Goberno de Feijóo, no cargo cando a Xunta impulsou a fusión de Caixa Galicia con Caixanova, cuxa entidade resultante, Novagalicia Banco, foi despois rescatada e derivou en Abanca, que ten o control do club dende 2020, cando protagonizou o seu rescate económico. Na imaxe, logotipo de Abanca nunha camisola do Dépor, cuxo primeiro equipo feminino regresa na temporada 24-25 á Primeira División e o masculino, á Segunda tras cadanseus ascensos [© RC Deportivo]
O xuíz da Audiencia Nacional Manuel García-Castellón arquiva a causa por terrorismo contra Tsunami Democràtic despois de que lle anulasen todo o investigado desde xullo de 2021 por un erro que cometeu na solicitude da prórroga da instrución. Neste caso figuran como investigadas dez persoas, entre elas a exsecretaria xeral de ERC, Marta Rovira. Ademais, este arquivo poderá provocar a fin da 'causa especial' tamén por terrorismo aberta contra o expresident catalán Carles Puigdemont e o deputado republicano Rubén Wagensberg, na que ten a última palabra o Tribunal Supremo. [Puigdemont no acto no que anunciou que se presentaba ás eleccións catalás © Junts]
Nace a Asociación de tocadoras galegas Somos Pandeireteiras. A iniciativa colectiva Somos Pandeireteiras, impulsada por Mercedes Peón no ano 2021, coa participación de pandeireteiras da Asociación Cultural Rosalía de Castro (Padrón), Raigañas de Cerqueda (Malpica) e Xirifeiras (Fene) dá "un paso cara á diante" para situar as tocadoras no centro da cultura do país despois de encontros e debates. "Queremos impulsar unha iniciativa colectiva que lexitime a representación social das tocadoras e das pandeireiteiras como centro da transmisión cultural galega", asegurou Mercedes Peón, agora vicepresidenta da asociación, que presidirá Gisela Sanmartín, tocadora e directora das Xirifeiras. [Fotografía © Vanessa Rábade]
O Día das Letras -17 de maio- e o Día Nacional -25 de xullo-, festivos galegos de 2025. O Consello da Xunta aproba as datas festivas do calendario laboral do ano vindeiro, que consta de 14 xornadas nas que 9 son obrigatorias por normativa estatal agás que algunha delas cadre en domingo, caso do 12 de outubro do ano vindeiro. A estes festivos engádense dous que elixe cada concello.
Un artigo publicado na revista especializada The Lancet estima en 186.000 as mortes "atribuíbles ao conflito actual en Gaza". Rasha Khatib, Martin McKee e Salim Yusuf explican que aplicando “unha estimación conservadora” baseada no estudo doutros conflitos habería catro mortes indirectas por cada morte directa, polo tanto, das 37.396 mortes cuantificadas de maneira oficial conclúen que en realidade poden corresponderse con 186.000 falecementos “ou incluso máis”. Isto correspondería, empregando os datos da poboación da Franxa de Gaza de 2022, co 7,9% da poboación. [Fotografía © UNRWA]
A Nova Fronte Popular (NFP) sería a gañadora das lexislativas en Francia, segundo as primeiras estimacións publicadas ao peche dos colexios electorais, que apuntan a unha derrota da extrema dereita do RN de Marine Le Pen. A coalición de esquerdas obtería entre 180 e 215 escanos, fronte aos 150-180 da coalición Ensemble formada ao redor do presidente Macron, os 120-150 de RN e os 60-65 dos Republicanos. A maioría absoluta está fixada en 289 escanos.