Unha ducia de novas para recuperares se desconectaches no verán

Unha ducia de novas para recuperares se desconectaches no verán CC-BY-SA Praza Pública

Seleccionamos algunhas das principais pezas que publicamos en Praza.gal durante xullo e agosto para que poidas botarlles un ollo agora, sen présa

Durante este verán que remata é posible que desconectaras da actualidade, ou cando menos de parte dela se non era presentada como "última hora" ou "urxente". Por se pasaches por alto algunha das novas que publicamos durante os meses de xullo e agosto, que se cadra aínda che interesan, seleccionamos aquí unha ducia de informacións que seguirán dando que falar no futuro e que che presentamos agrupadas para que sexa máis doado chegar a elas.

Angrois non foi só un descoido: condenados o ex-xefe de seguridade do Adif e o maquinista

O 26 de xullo produciuse a que probablemente sexa a noticia máis importante do verán en Galicia, malia que algúns medios non lle desen continuidade. Once anos e dous días despois de que na curva de Angrois morresen 79 persoas e 143 resultasen feridas a xustiza condenou ao mesmo nivel de responsabilidade a un ex-director de Seguridade na Circulación de Adif e ao maquinista do tren. A sentenza supuxo unha condena indirecta á verdade oficial de que todo fora culpa do maquinista e deu a razón á longa loita da plataforma de vítimas, recoñecida mesmo pola xuíza na súa sentenza. Un ditame que, pola contra, deixou en evidencia os peritos impostos pola Xunta durante a instrución xudicial e que agora deixa pendentes as responsabilidades políticas e técnicas. Aquí podes ler todo o que publicamos sobre Angrois desde que ocorreu o accidente.

Altos cargos dos gobernos de España, Galicia e Santiago visitan a zona do accidente de Angrois en xullo de 2013 CC-BY-NC-SA Montaxe: Praza.gal | Foto: © Goberno de España

Contas certifica un sobrecusto de 470 millóns pola decisión de Feijóo de facer o hospital de Vigo cunha concesión

En pleno verán, na tarde do 31 de xullo, como adoita facer hai anos, o Consello de Contas fixo público un informe especialmente crítico con como Feijóo elixiu unha concesión privada para construír e xestionar o hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, o que supuxo un sobrecusto de 470 millóns a respecto dunha contratación ordinaria. BNG e PSdeG esgrimiron ese informe para pedir o rescate do centro, pero o PP impediu que Rueda dese explicacións no Parlamento e as ex-conselleiras Farjas e Mosquera xustificaron coa COVID-19 o modelo elixido en 2011. Seguir lendo.

Os deberes do saneamento: (I) Sen control das fosas sépticas e sumidoiros que aínda verten sen depurar e (II) O 7,7% das 794 masas de auga ten deficiente estado ecolóxico

Este verán fixemos balance da situación do saneamento en Galicia, con dúas pezas nas que analizamos os problemas -como a existencia aínda de sumidoiros que verten sen depurar ou a falta de control sobre as fosas sépticas- e as consecuencias -co 7,7% das 794 masas de auga de Galicia con deficiente estado ecolóxico e o 2% químico-. Seguir lendo.

Estación depuradora de augas residuais (Edar) de Bens, na Coruña, e mapas da situación do saneamento en Galicia CC-BY-SA Praza Pública - Xunta de Galicia

A Xunta admite nun informe que o aire en Galicia está contaminado e incumpre os niveis fixados pola OMS

En materia de contaminación este verán tamén desvelamos en Praza.gal un informe oficial da Xunta no que admite por primeira vez que o aire en Galicia está contaminado en boa parte do país e que varios contaminantes emitidos á atmosfera superan os niveis máximos recomendados. Seguir lendo.

A nova lei da CRTVG permitirá nomear a dirección só cos votos do PP

O 29 de xullo o Consello da Xunta aprobou o anteproxecto dunha nova lei que permitirá nomear a dirección da CRTVG só cos votos do PP. Unha nova norma que chega trece anos despois de os propios populares bloqueasen a reclamada desconexión dos medios públicos do Goberno galego e que vén recollendo críticas do persoal, do Colexio de Xornalistas ou entidades do sector. Seguir lendo.

Cadros eléctricos vandalizados no alto do Fiouco e recreación do sistema de láser elixido para paliar a falta de visibilidade na zona © Praza Pública - Ministerio de Transportes

O Fiouco, unha década despois: un vertedoiro de inventos á espera do láser contra a néboa da A-8

O 10 de agosto a néboa do alto do Fiouco, na A-8, volveu provocar un accidente múltiple dez anos despois do que deixou medio cento de coches afectados e unha falecida aos poucos meses da súa apertura en 2014. En Praza.gal repasamos o estado das solucións que o Goberno de España vén prometendo desde aquela e constatamos que o lugar no que hai uns anos se probaron varios inventos contra a néboa é hoxe un vertedoiro cos restos vandalizados ou roubados. Seguir lendo.

Novo récord de beneficios de Audasa con 39,5 millóns só no primeiro semestre do ano

O 9 de agosto Audasa presentou os seus beneficios do primeiro semestre do ano, no que acadou un novo récord de 39,5 millóns de euros, un 9,49% máis que no mesmo período do ano anterior malia que o tráfico so medrou un 2,65%. Seguir lendo.

Rematan con penas menores os casos Carioca e Pokemon

O terremoto político e social que provocaron en Lugo, onde comezaron, e no resto de Galicia os casos Carioca e Pokemon contrasta coa limitada repercusión que tiveron este verán as condenas xudiciais finais. No caso Carioca de confabulación entre gardas civís e proxenetas rematouse con penas menores por conformidade, mentres que na peza central da Pokemon, pola concesión corrupta do guindastre municipal de Lugo, salientouse a "dilación extraordinaria" do proceso. Aquí podes consultar o resultado previo doutras derivadas da Pokemon. 

A Xunta pechou 233 escolas nos últimos 20 anos

O 21 de agosto a Xunta fixo oficial no Diario Oficial de Galicia o peche de seis escolas para o curso 2024-25. En Praza fixemos balance e xa son máis 230 as escolas pechadas en todo o país nas dúas últimas décadas. Seguir lendo.

Anatomía do rendismo popular galego: case 200.000 caseiros cunha media de 600 euros mensuais

Hai problemas que non descansan en verán, como o da vivenda, sobre o que seguimos contando todo tipo de derivadas. Entre elas, fixemos unha anatomía do rendismo popular, con case 200.000 caseiros en Galicia cunha media de 600 euros mensuais. Pero tamén relatamos as dificultades para atopar pisos para estudantes, o que debe aforrar unha parella para mercar un piso con hipoteca nas principais cidades ou como nestas hai case catro pisos turísticos por cada vivenda de alugueiro dispoñible. Máis informacións sobre o dereito á vivenda neste espazo.

Cara á reconquista de Toralla: “Vivo aquí porque non entran os okupas”

Colectivos ecoloxistas e veciñais volveron reclamar este verán un acceso libre á illa de Toralla mediante unha senda litoral que xa contempla a Lei de Costas. Fomos ata a illa viguesa e contamos o que alí atopamos: “Vivo aquí porque non entran os okupas”. Seguir lendo.

Así lle foi a Galicia en París: un feixe de medallas de bronce e unha decena de diplomas olímpicos

Este foi tamén o verán dos Xogos Olímpicos de París, aos que Galicia chegou cunha trintena de deportistas e dos que trouxo un feixe de medallas de bronce e unha decena de diplomas olímpicos. Seguir lendo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.