15 anos de gobernos do PP, 15 anos de mala xestión certificada polo Consello de Contas

CC-BY-SA Praza Pública - Xunta de Galicia

O ente independente fiscalizador das administracións galegas leva anos evidenciando deficiencias na xestión dos cartos e o persoal públicos por parte da Xunta, con eivas que se manteñen desde hai máis dunha década

Fronte á afirmación dos sucesivos gobernos do PP, con Feijóo ou con Rueda, de que son respectuosos coa legalidade, numerosas sentenzas veñen constatando todo tipo de ilegalidades, mesmo delitos [15 anos de gobernos do PP, 15 anos de condenas xudiciais]. Pero tamén fronte á afirmación de que son bos xestores érguense os feitos constatados ano tras ano polo Consello de Contas, o ente independente que fiscaliza como xestionan as administracións galegas os cartos e o persoal públicos. E o que evidencian os informes do Consello de Contas son todo tipo de deficiencias nesa xestión.

Unha revisión dos informes anuais do Consello de Contas permite comprobar como nas análises da xestión pública dos últimos exercicios seguen estando presentes eivas xa detectadas no exercicio 2010, o primeiro xestionado de xeito íntegro polo PP á fronte da Xunta tras o 2009 compartido aínda na primeira metade do ano polo goberno de coalición de de PSdeG e BNG. Eivas que se repiten mentres a Xunta non atende as recomendacións que lle dita o Consello de Contas. Pero máis alá de cuestións xerais, os informes de fiscalización tamén puxeron o foco nestes anos en políticas concretas que os populares veñen presentando como exemplo da súa xestión.

2010: "Falta clara de previsión" no Xacobeo 

2010, o primeiro ano íntegro de presidencia de Feijóo, foi Ano Santo. Tempo despois o Consello de Contas fiscalizou a empresa pública que xestiona o Xacobeo e detectou "unha clara falta de previsión" pola non orzamentación correcta de ingresos e gastos. "Unha boa confección do orzamento, axustándose a sociedade ao orzamento aprobado, evitará desaxustes no financiamento e un endebedamento excesivo", recomendáballe. 

Contas tamén consideraba que o Xacobeo debera dar "maior publicidade" ás súas ofertas de emprego "dado o escaso número de candidatos presentados" ás mesmas. Tamén detectaba que "en numerosas ocasións, as actuacións de promoción se inician coa recepción de propostas realizadas por empresas externas" que o ente público se limitaría a "asumir e levar a cabo" sen ter en conta outras posibilidades, limitando así a aplicación dos principios de publicidade, concorrencia e obxectividade que deben rexer as contratacións das administracións públicas.

[Informe de fiscalización da Sociedade Anónima de xestión do Plan Xacobeo. Exercicio 2010]

2011: Precariedade nas residencias unha década antes da pandemia

O Consello de Contas analiza a xestión das administracións con varios anos de demora, así que foi en 2018 cando se coñeceu un informe sobre a atención residencial a persoas maiores e residentes que detectou que en 2011 e 2012 se producira un importante recorte no gasto en persoal dese tipo de centros públicos. En só dous anos pasárase dun orzamento de 56 millóns a 42,7 cuxa recuperación tardou anos en producirse. 

Aquel informe certificou que a Xunta só cubría baixas médicas do persoal das residencias "cando son de longa duración" e só contrataba persoal "en contadas ocasións" ante ausencias por asuntos particulares ou excesos de xornada. Contas tamén advertía de que a menor ratio de persoal nas residencias de xestión privada "pode repercutir na calidade do servizo". E constataba a falta de planificación de investimentos en centros públicos cando menos entre 2010 e 2016, ano no que remataba a súa fiscalización, malia que finalmente non se volverían abrir novos centros públicos ata os recentemente doados por Amancio Ortega e cuxa xestión vai ser privatizada.

 Unha década máis tarde a pandemia da COVID-19 evidenciaba a precariedade estrutural do sector.

[Informe de fiscalización do Gasto en atención residencial a persoas maiores e dependentes]

2012: Un 130% máis de débeda nos primeiros anos de Feijoo 

Nos cinco primeiros anos de Feijóo disparouse o endebedamento un 130%, de 4.000 a 9.100 millóns de euros, e unha década máis tarde os compromisos de gastos futuros ascenden xa a 18.200 millóns

A crise económica de hai unha década foi presentada pola Xunta de Feijóo como un exemplo da boa xestión do PP. Porén, se os recortes constatados en todo tipo de servizos públicos, como os anteditos nas residencias, non foron maiores debeuse fundamentalmente a que o Goberno galego recorreu ao endebedamento. Tempo despois, nun Informe de fiscalización do endebedamento da Xunta 2012, o Consello de Contas constataba que "no período 2009-2013 a débeda increméntase nun importe adicional de 5.177 millóns de euros, para situarse ao final do período analizado nun montante de 9.131 millóns, o que supón un incremento do 130,9% en cinco anos"

Foi un endebedamento menor que o da maioría das comunidades autónomas, pero combinouse naqueles primeiros anos de Feijóo con outros trucos contables, como o desvío de gastos dun ano ao seguinte durante varios exercicios, o que foi cualificado polo Consello de Contas como unha "falta de control". Ademais, a Xunta non informou a Contas durante anos dos compromisos de gastos futuros que asumían os seus entes paralelos.

[Informe de Fiscalización do Endebedamento da Xunta de Galicia. Exercicio 2012]

2013: Subcontratacións sen control

Os gobernos de Feijóo e Rueda veñen caracterizándose pola preferencia polas subcontratacións antes que polo aumento do funcionariado. Unhas subcontratacións que poden ser a empresas privadas ou públicas, sen que estas últimas garantan un maior respecto polos dereitos laborais do seu persoal. Así constatou o Consello de Contas nun informe no que analizou as encomendas de xestión que realizou a Xunta en 2013 a empresas públicas como Seaga ou Tragsa e no que constatou que á súa vez estas subcontrataran sen control a metade do que lles encargara a Xunta. Contas considerou que moitos deses encargos deberan ser realizados directamente por persoal público da propia Xunta, pero esta nin sequera supervisaba as subcontratacións que facían as empresas públicas ás que encargaba tarefas nin xustificara que fose máis barato ese xeito de proceder que facelo ela mesma.

[Informe de Fiscalización de Encomendas de xestión 2013 ]

2014: Redución de chiringuitos "residual"

Contas considerou que a prometida redución da administración paralela foi "residual", pero Feijóo chegou a responderlle que diso "sabemos máis na Xunta"

Cinco anos despois da chegada de Feijóo á presidencia o aforro da Xunta coa por el prometida redución de entes paralelos ou chiringuitos era "residual" e "máis nominal que real". Así o constatou o Consello de Contas nun informe específico sobre a administración paralela en 2014, cando eses entes reducíranse efectivamente de 159 a 110 pero fundamentalmente pola supresión das fundacións comarcais que se crearan durante os gobernos de Manuel Fraga. O aforro logrado en toda a administración paralela era menor dun 1% dos 1.500 millóns de euros que xestionaban eses entes instrumentais. 

Esas consideracións do Consello de Contas sobre o pouco alcance da reorganización da administración paralela mantivéronse en informes de anos posteriores, cando o ente fiscalizador seguiu botando en cara ao Goberno galego que para facer as súas auditorías tiña que recorrer a un rexistro de entes elaborado polo Estado ante a inexistencia dun propio da Xunta esixido por lei desde hai anos. Porén, en 2019 Feijóo chegou a desbotar esas críticas coa afirmación de que "de administración paralela en Galicia sabemos máis na Xunta". O Goberno galego mesmo pedira a Contas que corrixise as súas críticas, pero estas mantivéronse.

[Informe económico-financeiro das entidades instrumentais 2014]

2015: Mercar medicamentos innecesarios para obter outros necesarios

O Consello de Contas emitiu nesta década e media todo tipo de informes que deixaron en evidencia a mala xestión da Xunta en diversos eidos da sanidade pública. Un especialmente rechamante, sobre a compra de medicamentos hospitalarios no período 2014-16, desvelou que o Goberno galego compra medicamentos que non precisa para obter das farmacéuticas outros que si necesita. Nese eido da contrata

Nestes anos Contas tamén detectou falta de transparencia nos concertos con centros privados e instou a regulalos mellor, non sempre con éxito. Igualmente, reclamou ao Sergas unha mellor planificación dos equipos de diagnóstico de alta tecnoloxía, certificou que privatizar o mantemento empeorou o servizo e apenas supuxo aforro e mesmo deixou en evidencia que Sanidade leva anos sen cobrar canon ás cafeterías de dous hospitais da Coruña.

[Informe de Fiscalización selectiva sobre a farmacia hospitalaria. Exercicios 2014-2016]

2016: Fraccionamento de contratos para entregalos 'a dedo' malia ser ilegal

En 2016 o Consello de Contas fixo unha auditoría específica sobre se a Xunta estaba a cumprir ou non as súas recomendacións en materia de contratación pública formuladas en anos previos. O informe desvelou múltiples incumprimentos, nomeadamente o de fragmentar contratos para así adxudicalos en procedementos a discrecionais sen competencia. Algún departamento da Xunta chegara a negarlle a Contas que fixese iso, pero o ente fiscalizador detectouno igualmente, así como un exceso de contratos modificados tras as súas adxudicacións. 

A comezos deste mes de xaneiro Contas divulgaba outro informe similar, este sobre os entes paralelos da Xunta e referido á contratación no ano 2018, que detectaba os mesmos problemas de framentación de contratos para adxudicalos discrecionalmente.

[Informe de fiscalización de seguimento das recomendacións da contratación administrativa exercicios 2010-2011. Exercicio 2016]

[Informe de fiscalización dos criterios de adxudicación e da contratación menor das entidades instrumentais da Comunidade Autónoma Galega. 2018]

Grao de cumprimento por parte da Xunta das recomendacións do Consello de Contas en materia de contratación © Consello de Contas

2017: Descontrol e "inseguridade xurídica" nos alugueiros públicos

En 2009 Feijóo chegou á Xunta tras unha campaña que presentou o goberno de coalición de PSdeG e BNG como desbaldidor de fondos públicos. Gastaban moito en coches e despachos, dicían os populares. Unha década despois o Consello de Contas fixo un informe sobre os gastos do parque móbil da Xunta no período 2009-2017 e non foi quen de "verificar, de forma precisa" canto aforrara o PP nese eido no que se presentaba como moito máis austero. 

No outro ámbito, o das oficinas, Contas tamén analizou a xestión dos gobernos de Feijóo nun informe igualmente referido a 2017 sobre os gastos da Xunta en bens correntes e servizos. Esa análise revelou que a administración seguía a ocupar oficinas tras venceren os seus alugueiros para negocialos á baixa cos propietarios, o que para o ente fiscalizador supuña "inseguridade xurídica". A propia Xunta alegara a ese informe que o propio mercado inmobiliario estaba a resultar máis económico que en anos previos no eido dos locais comerciais grazas ao aumento do comercio electrónico.

[Informe de fiscalización dos Gastos en bens correntes e servizos na Administración xeral da Comunidade Autónoma. Exercicio 2017]

2018: Rebaixas de impostos aos máis ricos das que a Xunta non quere avaliar os resultados

Facenda negouse expresamente, como lle vén pedindo o Consello de Contas desde hai anos, a avaliar os efectos das súas sucesivas rebaixas de impostos, que veñen beneficiando especialmente aos patrimonios e rendas máis altas

Os gobernos de Feijóo nunca avaliaron os efectos das sucesivas rebaixas fiscais que aplicaron, que veñen beneficiando especialmente aos patrimonios e rendas máis altas. Unha falta de avaliación que vén criticando desde hai anos o Consello de Contas e que o pasado outubro admitiu o propio conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, que di que recoñece que ese "evidentemente é un eido no que temos que mellorar". 

Pero non é que avaliar as rebaixas de impostos sexa difícil, senón que a propia Xunta rexeita facelo. Ata 2017 Contas limitábase nos seus informes anuais a deixar constancia de que a Xunta non estaba a avaliar os efectos das bonificacións fiscais, pero no informe sobre 2018 engadiu a recomendación expresa de que se establecesen "obxectivos e indicadores de cumprimento cando se proceda á creación de novos incentivos fiscais". Esa recomendación foi contestada por Facenda salientando de xeito expreso que non a aceptaba.

[Informe de fiscalización da Conta Xeral da Comunidade Autónoma. Exercicio 2018]

Alegacións da Axencia Tributaria de Galicia ao Consello de Contas salientando que non acepta a súa recomendación de estudar os efectos das rebaixas de impostos CC-BY-SA Praza Pública

2019: Máis precariedade laboral no Sergas antes da pandemia

Ademais doutro tipo de cuestións relacionadas coa sanidade pública, salientadas antes, o Consello de Contas tamén puxo o foco nestes anos na xestión do persoal sanitario por parte do Sergas. O seu informe anual de 2019, o ano anterior ao da pandemia da COVID-19, deixou en evidencia como o Sergas reducira o seu cadro de persoal naquel exercicio en 464 persoas con praza e o aumentara en 1.013 interinas e 450 eventuais. Contas censuraba eses elevados índices de temporalidade e que destinase fondos de continxencia supostamente reservados a gastos imprevistos a "gastos que teñen carácter previsible, fundamentalmente de persoal". Aquela situación non mellorou moito e datos oficiais do propio Sergas veñen de revelar que máis da metade das súas enfermeiras seguen sendo temporais.
[Informe de fiscalización da Conta Xeral do Servizo Galego de Saúde. Exercicio 2019]

2020: Reorganización dos buses obrigada polo Supremo e con planificación insuficiente

As últimas grandes críticas do Consello de Contas, do pasado novembro e referidas a anos anteriores, desmontaron a xestión dos gobernos de Feijóo e Rueda en materia de autovías e autobuses

En 2016 o Tribunal Supremo sentenciou que unha das primeiras decisións de Feijóo en 2009, prorrogar as concesións de liñas de autobús, fora ilegal. Obrigou así á Xunta a iniciar un proceso de reestruturación e nova concesión das liñas que rematou en 2020. Ese novo sistema foi analizado polo Consello de Contas nun informe que fixo público o pasado outubro e no que concluíu que a Xunta reordenara as liñas sen ter en conta os medios de transporte de cada núcleo de poboación, sen esixir ás concesionarias o canon ao que estaban obrigadas e dedicando pouca importancia á calidade ambiental do servizo. En lugar de asumir as críticas e recomendacións de Contas, a Xunta pediu ao ente fiscalizador que eloxiase o seu traballo, ao que este contestou que ese non é o seu traballo, senón tentar que as administracións sexan máis eficientes.

[Informe de fiscalización do programa de Ordenación e inspección do transporte. Exercicios 2019-2020]

2021: Emerxencias sanitarias que non cumpren os obxectivos de rapidez

Ademais de informes sobre o persoal sanitario ou sobre outras xestións en materia de sanidade, o Consello de Contas tamén analizou o funcionamento de entidades como as fundacións sanitarias públicas, nomeadamente a que se encarga dos servizos de emerxencias 061. O informe, feito público o pasado agosto, sinala que en 2021 as 107 ambulancias de soporte vital básico, que deben poder atender o 90% da poboación de Galicia en menos de 15 minutos, só foron quen de facelo en 115 concellos. Isto é, 198 municipios que suman 592.000 habitantes, o 22% da poboación, non foron atendidos como deberan, o que levou a Contas a concluír que "non se logra que a asistencia dos recursos se realice en condicións de equidade, adaptadas ás características do territorio". Ademais, en 2021 esas ambulancias básicas tardaron de media 17 minutos e 48 segundos, por riba do límite de 15 minutos fixado polo propio Sergas.
[Informe de fiscalización dos contratos-programa subscritos entre as Fundacións Sanitarias e o Sergas]

2022: Unha década máis tarde, o dobre de compromisos futuros de gasto

Se no Informe de fiscalización do endebedamento da Xunta 2012 o Consello de Contas cifraba en 9.131 millóns a débeda acumulada pola administración galega naquel momento, unha década máis tarde, tras incorporar en 2015 ao cómputo os compromisos de gasto de entes paralelos que a Xunta non lle estaba a trasladar, o organismo fiscalizador duplicaba a cifra e elevaba o monto total de compromisos de gastos futuros no comezo de 2022 a 18.218 millóns de euros. Pero unha década despois a Xunta seguía sen comunicarlle claramente ao Consello de Contas o detalle dese endebedamento, o que facía que o ente fiscalizador insistise na necesidade de detallar uns compromisos que hipotecan a capacidade de actuación de futuros gobernos.

[Informe de fiscalización da Conta Xeral da Comunidade Autónoma. Exercicio 2021, derradeiro analizado ata o momento con datos ata 31 de decembro]

Feijóo na inauguración dunha das autovías de peaxe en sombra analizadas polo Consello de Contas e conclusións do órgano fiscalizador CC-BY-SA Imaxe: Xunta de Galicia - Montaxe: Praza Pública

2023: A xestión das autovías "non foi eficiente"

Os últimos informes significativos do Consello de Contas sobre políticas da Xunta fixéronse públicos a finais de outubro do pasado ano, 2023, en materia de transporte público -citado anteriormente- e de autovías con peaxe en sombra. Nese último eido o ente fiscalizador revelou que a Xunta está a pagar de máis por esas infraestruturas, planificadas e xestionadas fundamentalmente durante os tempos de Feijóo como conselleiro de Manuel Fraga ou despois xa na presidencia do Goberno galego. A xestión por parte da Xunta, di o Consello de Contas, "non foi eficiente xa que se poderían acadar resultados equivalentes a un menor custo".

[Informe sobre a eficiencia da colaboración público-privada nas autovías galegas]

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.