Tráfico de influencias, abuso de dereito ou suborno son algunhas das ilegalidades, varias delas delito, que os tribunais veñen constatando na Xunta na última década década e media
Fose nos 13 anos de presidencia de Alberto Núñez Feijóo ou nos algo menos de dous de Alfonso Rueda os gobernos do PP veñen definíndose a si mesmos como respectuosos das normas e cumpridores da legalidade. Porén, nestes 15 anos son numerosas as sentenzas xudiciais firmes que veñen constatando que a Xunta ou cargos dela cometeron todo tipo de ilegalidades, algunhas delito, como tráfico de influencias, suborno, abuso de dereito ou vulneración dos dereitos laborais.
A reacción dos populares a estas sentenzas adoitan ser intentos de minimizalas e mesmo de presentalas como se fosen críticas políticas da oposición e non como as condenas xudiciais que son. Pero neste tempo tamén houbo reproches máis ou menos velados aos xuíces e opinións públicas sobre todo tipo de resolucións ao tempo que se apelaba ao "respecto" polo poder xudicial.
2009: Paralización do plan eólico con "desviación de poder"
Unha das primeiras decisións tomadas por Feijóo cando chegou á Xunta en 2009 foi paralizar o plan eólico que tiña en marcha o anterior goberno de PSdeG e BNG. Pero fíxoo de xeito ilegal, cunha "desviación de poder" e contra "o principio de seguridade xurídica", segundo sentenciou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) e fixo firme en 2015 o Tribunal Supremo. Empregara unha suposta medida cautelar para o que realmente era unha decisión política firme sobre o sector.
Aquela paralización ilegal derivou despois noutras varias sentenzas que veñen condenando a Xunta a pagar indemnizacións millonarias ás empresas afectadas. Porén, Feijóo insistiu que malia a decisión xudicial "volvería anular o concurso eólico".
2010: Mortes de brigadistas por mal funcionamento da administración
Cando estaba na oposición Feijóo chegou a dicir nun mitin que "con nós non morría xente nos incendios e con eles, catro persoas", comparando así a xestión dos incendios forestais dos gobernos de Manuel Fraga co de PSdeG e BNG. Pero con Feijóo como presidente tamén morreu xente en incendios forestais, e ben cedo. En 2010 morreron dous brigadistas en Fornelos de Montes e en 2017 o TSXG acabaría condenando á Xunta polo "deficiente funcionamento dos servizos públicos".
Pero as condenas non quedaron aí. En 2015 morreu un axente forestal que sufriu un infarto mentres acudía en solitario a un incendio malia que solicitara sen éxito varias veces, tras outro infarto previo e amparado por informes médicos, o seu traslado a outras ocupacións que non requirisen estrés físico ou psíquico. A Xunta foi condenada en 2019 a indemnizar a viúva do falecido. Igual que tamén foi condenada por incumprir a lei de prevención de riscos laborais na morte en 2011 dun piloto dun avión contra incendios, sentenza que o Supremo fixo firme en 2021.
2011: O Tribunal da UE sanciona a demora das depuradoras
Sentenzas que condenaron xestións incorrectas da Xunta en diversos eidos veñen obrigando a pagar indemnizacións ou multas millonarias polas súa actuacións
En 2011 o Tribunal de Xustiza da UE sentenciou que en varias poboacións galegas incumprírase a obriga establecida en 1991 por unha directiva europea de que antes de 2001 as súas augas residuais debían contar con sistemas de depuración axeitados. Entre esas demoras, atribuíbles a distintas administracións ao longo do tempo, estaban a da depuradora da principal cidade galega, Vigo, que non foi inaugurada ata 2018, mentres o PP de Feijóo propuña que os atrasos non implicasen sancións. Pero si que houbo sancións e, aínda que a Xunta tentou culpar os concellos, finalmente en 2022 o Tribunal Supremo condenouna a pagar 4 millóns de euros polas demoras tanto en Vigo como en Ribeira.
2012: A xestión dos abortos puxo en risco a vida dunha muller
A incapacidade do Sergas de atender en Galicia todos os abortos que se requiren levouno en 2012 a demorar e desviar a Madrid a atención dunha muller que tivo que trasladarse no seu propio vehículo, unha actuación que a xustiza acabou considerando en 2016 que a "expuxo a un risco vital elevado". Unha "neglixencia" que lle supuxo a perda do útero e que a sentenza considerou que superaba "os estándares do tolerable" e "representa un fracaso estrepitoso do sistema". O caso fixo que Feijóo pronunciase unha das peticións de "desculpas" máis claras que se lle lembran.
2013: Ocultacións na investigación política das caixas
Logo da fusión impulsada por Feijóo en 2010 das caixas de aforros galegas, o seu rescate con fondos públicos e a posterior venta e creación de Abanca o Parlamento de Galicia iniciou en 2013 unha investigación política do que pasara. Dez anos despois esa investigación aínda non concluíu pola falta de interese do PP e da Xunta, que mesmo negou ao Parlamento documentación que este reclamara. En 2020 o TSXG sentenciou que estaba "claro" que a Xunta quebrantara o principio constitucional que avala o dereito dos deputados a recibir información do executivo. Esa documentación revelaba que a Xunta despachara en cinco páxinas o seu aval á fusión das caixas.
2014: Baltar pai condenado por enchufismo
Non foi unha condena á Xunta pero si ás estruturas sobre as que o PP asentou durante anos o seu poder en Galicia, nomeadamente en Ourense. En 2014 José Luis Baltar era condenado por prevaricación por enchufar un cento de persoas na Deputación de Ourense que presidía en datas previas ao congreso no que o seu fillo herdaría del a presidencia do partido na provincia. Malia a sentenza xudicial, Feijóo insistiu en reducir os feitos a "unha irregularidade" e seguiu contando cos Baltar para lograr os votos necesarios para manterse na presidencia da Xunta.
2015: A piscifactoría de Touriñán, baza contra o bipartito, tamén condenada
A piscifactoría que pretendía construír no cabo Touriñán a despois quebrada Pescanova e o seu máximo responsable, Manuel Fernández de Sousa-Faro, agora na cadea, foi unha das bazas empregadas por Feijóo na oposición para desgastar o goberno de PSdeG e BNG, que revisou a planificación que permitía aquela instalación para impedila.
En 2015 o Tribunal Supremo acabaría constatando que a autorización para a piscifactoría outorgada polo Goberno de Manuel Fraga en funcións, con Feijóo como vicepresidente, era "nula de pleno dereito" e contraria á legalidade urbanística, o que obrigaba á Xunta a indemnizar á empresa. Feijóo evitou valorar esa sentenza.
2016: o Supremo condena por ilegal a prorroga das concesións de buses
Outra das primeiras decisións que tomou Feijóo cando chegou á presidencia da Xunta en 2009 foi a de prorrogar as obsoletas concesións de autobuses que había en Galicia en lugar de renovalas. En 2016 o Supremo anularía aquela decisión por ser contraria á normativa europea de defensa da competencia. Isto obrigou ao Goberno galego a iniciar unha reorganización das liñas tanto do transporte regular como do escolar que non culminou ata 2020 e da que agora están a saír novas condenas xudiciais por facilitar a Xunta unha posición de dominio a Monbus.
2017: corrupción no caso Campeón
No caso Campeón, principal condena por corrupción na Xunta, Feijóo avalou que o Goberno galego non acusase aos seus altos cargos despois condenados, e un ano máis tarde mesmo recoñeceu publicamente a un deles
En 2017 chegou a principal condena por corrupción na Xunta durante a presidencia de Feijóo. Dous altos cargos do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e un ex-deputado do PP foron condenados por tráfico de influencias e negociacións prohibidas a funcionarios no marco dunha trama arredor do empresario lucense Jorge Dorribo que conseguira subvencións valéndose das xestións dos tres cargos públicos. Un caso no que a Xunta actuara como acusación fronte a outros condenados pero non fronte aos seus propios altos cargos nin contra o deputado popular, decisión avalada por Feijóo.
Un ano despois da condena Feijóo obviaba o delito cometido polo director do IGAPE e recoñecíao expresamente en público durante o 25 aniversario dese ente público.
2018: a Gürtel e a caída de Rajoy que acabaría con Feijóo en Madrid
Ao igual que a condena en 2014 a Baltar pai, a condena en 2018 da trama Gürtel non foi unha sentenza dirixida contra a Xunta, pero si acabou tendo repercusións a medio prazo no Goberno galego e no PPdeG. A condena da Gürtel certificou o financiamento do PP con diñeiro negro e fixo de Pablo Crespo, ex-número tres do PPdeG, primeiro deputado da historia da autonomía galega encarcerado por corrupción. Pero fundamentalmente aquela sentenza acabou co Goberno de Mariano Rajoy, apartado en cuestións de semanas por unha moción de censura gañada por Pedro Sánchez.
A saída de Rajoy deixou o PP estatal en mans de Pablo Casado, logo de que Feijóo renunciase a competir daquela por esa presidencia. Un Feijóo que se negou admitir que o PP estivese condenado por corrupción e que despois acabou impulsando a defenestración de Casado por denunciar outras posibles irregularidades dentro do seu partido, o que acabou co galego na presidencia do seu partido por aclamación e sendo o primeiro presidente da Xunta en dimitir do cargo.
2019: vulneracións laborais e do dereito de folga
No seu trato cos seus traballadores a Xunta vén acumulando sentenzas por todo tipo de discriminacións laborais, desde probas de acceso á función pública resoltas de xeito “discrecional” ata despedimentos nos que os tribunais ven unha intencionalidade espuria máis alá de irregularidades administrativas. Unha “conxura” e “maquinación” dun tribunal para amañar unhas oposicións, o despedimento dunha traballadora cun “abuso de dereito raiano na prevaricación” ou o cesamento doutra como “represalia por exercitar os seus dereitos”, segundo as expresións empregadas polos propios xuíces, son algúns dos exemplos nese eido.
Pero a Xunta non só trata ilegalmente o seu persoal senón tamén a outros traballadores en xeral cando depende dela fixar os servizos mínimos das folgas en múltiples sectores. Faino ademais coa tranquilidade de que os tribunais non a corrixen ata meses despois, cando esas folgas xa foron desconvocadas. Así pasou en 2019, cando a Xunta foi condenada por vulnerar o dereito á folga no eido das ambulancias cunha sentenza que chegou oito meses máis tarde. Vulneracións reiteradas e polas que os tribunais veñen empregando palabras especialmente críticas contra o Goberno galego, como cando un ano antes o TSXG estableceu que fixara uns servizos mínimos "maliciosos" na CRTVG de cara a unha folga feminista. Feijóo sempre restou importancia a esas condenas.
2020: o Supremo fai firme o nepotismo na Consellería de Educación
Ao tempo que Feijóo ou Rueda veñen criticando a outros partidos por supostamente dar postos a persoas por afinidade política ou persoal e non pola súa preparación, tamén os seus gobernos fixeron o mesmo. En 2020 o Supremo ratificou a anulación dunha praza da Consellería de Educación que se creara para beneficiar a unha cuñada da daquela secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella. Era, dixo a xustiza, unha "evidente mostra de nepotismo que, lonxe de perder arraigo na Administración Pública, parece reforzarse”.
2021: a Xunta choca coa Constitución (outra vez)
No Tribunal Constitucional, con Feijóo a Xunta presentou 7 recursos contra o Estado e só gañou un, mentres que o Estado presentou outros 7 contra a Xunta e gañou 6, mentres que Rueda obtivo outra derrota máis
A Xunta de Feijóo e Rueda non só chocou nestes 15 anos coa xustiza ordinaria senón tamén co Tribunal Constitucional. Unha das derrotas nesa instancia máis importantes pola súa repercusión foi a que obtivo ao recorrer en 2021 a lei estatal de cambio climático co obxectivo de que as concesións privadas de terreos públicos no litoral puidesen durar máis tempo do que o acoutaba o Goberno de España.
Pero as derrotas foron moitas máis. Nos seus 13 anos á fronte do Goberno galego Feijóo presentou 7 recursos de inconstitucionalidade contra o Estado e só gañou un, mentres que o Estado presentou outros 7 contra a Xunta e gañou 6. E xa con Rueda na presidencia a Xunta obtivo outra derrota máis, ao rexeitar o Constitucional o recurso do Goberno galego contra o imposto ás grandes fortunas creado polo Estado.
2022: o Supremo tomba a xestión da Xunta en varios parques eólicos
Se en anos anteriores as sentenzas contrarias á Xunta en materia de parques eólicos centráranse nos efectos da paralización ilegal en 2009 do anterior plan do sector, en 2022 eran algúns dos proxectos máis polémicos impulsados xa polos gobernos de Feijóo os que chegaban ao Tribunal Supremo. E o que dixo este tribunal no caso dos parques do Oribio e de Sasdónigas foi que a Xunta os aprobara ilegalmente, no primeiro caso cunha autorización ambiental que caducara e no segundo cunha fragmentación artificial en dous do que realmente era un só parque para así minimizar artificialmente o seu impacto. O Supremo segue pendente de pronunciarse de xeito definitivo sobre outras sentenzas contrarias á Xunta xa emitidas polo TSXG, ao que o Goberno galego vén criticando malia as súas apelacións a respectar a independencia da Xustiza.
2023: a xustiza desmonta decisións da Xunta que beneficiaron a Monbus
A sentenza do Supremo que en 2016 condenou a Xunta por prorrogar ilegalmente as concesións de autobuses obrigouna a volvelas a sacar a concurso, reorganizando de paso o sistema de transportes galego. Ese proceso de deseño e posta en marcha de novas liñas, criticado polo Consello de Contas, culminou en 2020, pero foi en 2023 cando comezaron a chegar as sentenzas contrarias.
En marzo o TSXG condenou á Comisión Galega da Competencia, nomeada polo Goberno galego e defendida polos letrados da Xunta, por nin sequera investigar un pacto ilegal entre Monbus e Alsa para repartirse o mercado dos buses en Galicia. Aquela sentenza foi avalada en outubro polo Tribunal Supremo e desde ela a Xunta recibiu outras seis condenas do TSXG por decisións que beneficiaron a Monbus, dúas delas por non revisar se cumpría os requisitos esixidos antes de adxudicarlle contratos e catro por adxudicarlle máis contratos de buses escolares dos que debía.