Unha ducia de novas do verán por se desconectaches da actualidade

Unha ducia de novas do verán por se desconectaches da actualidade CC-BY-SA Imaxes: Xunta, SAIC e Praza.gal | Montaxe: Praza.gal

Seleccionamos algunhas das principais informacións que publicamos en Praza.gal en xullo e agosto para que poidas lelas agora, sen présa

Pode que neste verán que agora vai rematando desconectaras da actualidade. Por se pasaches por alto algunha das novas que publicamos durante os meses de xullo e agosto, recuperamos agora algunhas das máis significativas para que poidas lelas sen ningún tipo de presión pola "última hora" ou o "urxente". Son unha ducia de informacións que deron que falar, e boa parte delas seguirán facéndoo durante o outono e o inverno, que che presentamos agrupadas para que sexa máis doado chegar a elas. 

Novo plan para o galego que admite "urxencia" e suxire mudanzas no decreto do ensino

O 15 de xullo a Xunta fixo pública a súa proposta de novo Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, un documento que recoñece a "necesidade dunha intervención urxente" e suxire mudanzas no decreto do uso da lingua no ensino. O documento aposta tamén por "derrubar" prexuízos ou polo "acollemento lingüístico" a inmigrantes e emenda os medios públicos con deberes para seren "motores de normalización". BNG e PSdeG xa valoraron o documento como "paso atrás", "tapadeira" ou "paripé". 

O conselleiro de Cultura, José López Campos, na presentación da proposta de novo Plan Xeral de Normalización, o 15 de xullo na Cidade da Cultura CC-BY-SA Xunta

Risco de espionaxe chinesa en Ferrol a través da fábrica de SAIC?

En xornalismo chámase serpe de verán a novas sorprendentes que adoitan publicarse nesta época e que quedan en nada. Iso ten pinta que pasou o 10 de agosto, cando El País e El Mundo coincidiron en publicar en portada supostas reticencias do CNI e Defensa por posible espionaxe de China á base da Armada en Ferrol a través da fábrica que SAIC está a impulsar no porto exterior. O presidente Rueda considerou o tema "sorprendente", o Goberno de España ratificou o seu apoio ao proxecto, a UE deu a benvida a investimentos dese tipo e a polémica morreu. Porén, o PP estatal de Feijóo segue a evitar pronunciarse abertamente sobre a fábrica.

Seca, calor, incendios: o cambio climático xa está aquí

Aínda que os segue habendo, boa parte deles ocultados pola Xunta, non foi este un verán marcado polos incendios como o do ano pasado. Pero á marxe deles, o cambio climático seguiu facéndose notar, con noites tropicais, ríos secos que levaron a situación de alerta en ducias de concellos, con mortes por calor e perdas no agro.

A Xunta deixa fóra do Bono Concilia familias que optaron por campamentos municipais e só subvencionará os privados

Foi unha nova de comezos de agosto pero que vai ter os seus efectos nas contas de milleiros de familias galegas durante este mes de setembro. Cando xa estaban contratados os campamentos de verán da rapazada, a Consellería de Política Social revelou que malia que o pasado o seu Bono Concilia subvencionara ás familias que acudiran a eles, este ano non o fará, e a axuda só irá a quen contratase un campamento privado. BNG, PSdeG e Sumar denunciaron a medida como privatizadora e clasista.

Os bancos teñen 4.000 vivendas baleiras en Galicia: liberamos os datos

A comezos de xullo en Praza.gal revelamos os datos de vivendas baleiras que teñen os bancos en Galicia, 4.000, tantas como as que a Xunta prevé construír nesta lexislatura. Tamén en xullo entrou en vigor a declaración de Santiago como zona tensionada polos alugueiros, coa que xa contaba A Coruña. 

O traspaso da AP-9 xa é lei sen o PP e encamíñase a unha incerta negociación coa Xunta

O 23 de xullo o Congreso dos Deputados aprobou a lei que establece o traspaso de competencias sobre a AP-9 do Estado a Galicia, unha norma rexeitada por PP e Xunta que agora deixa en mans dos dous gobernos a negociación concreta das formas. A lei chega ao tempo que o Tribunal Supremo, segundo avanzou Praza.gal, vén de pedir á Comisión Europea o ditame no que esta considera ilegal a prórroga da concesión decidida polo Goberno de Aznar. Ademais, Audasa segue obtendo novos récords de beneficios, con 45,9 millóns de euros no primeiro semestre, un 3,1% máis que o ano pasado.

Altri non: o arquivo do plan para instalarse en Palas vira definitivo

Tras anos de polémica, en xullo o plan de Altri para instalar unha fábrica en Palas de Rei quedou arquivado. Porén, a Xunta segue ocultando con todo tipo de argumentos o seu pacto inicial coa empresa para que viñese a Galicia. Tras admitir Rueda que el coñece ese acordo, unha petición oficial de transparencia de Praza.gal obtivo como resposta que non tivo acceso a el como presidente, pero indicar en calidade de que o fixo. 

Facer vida cotiá de baixa non é causa de despido: a xustiza galega acouta a loita de clase aberta por PP e patronal

Durante o verán proseguiu a campaña de Xunta, PP e patronal para limitar as baixas laborais que outorgan os médicos. Pero tamén publicamos como a xustiza Galega condiciona os despidos por facer vida cotiá estando de baixa. Ou, noutra sentenza, como tampouco considerou por si soa como causa de despido que un traballador abandonase o seu posto sen avisar.

A inseguridade informática da Xunta facilitou un roubo de datos de 40.000 persoas, entre eles DNI escaneados

Unha das exclusivas que publicamos este verán foi que a inseguridade informática da Xunta facilitou un roubo de datos de 40.000 persoas, entre eles DNI escaneados. A Axencia de Protección de Datos considerou culpable á Consellería de Medio Ambiente, que admitiu que os afectados, propietarios de mascotas inscritos no rexistro oficial, "puideran ser vítimas de usurpación de identidade".

A conselleira de Medio Ambiente e fragmentos da resolución da Axencia de Protección de Datos CC-BY-SA Imaxe: Xunta de Galicia - Montaxe: Praza Pública

Borja Iglesias, outro galego no cumio do fútbol

Este foi tamén un ano de Mundial de fútbol, no que a selección española obtivo a súa segunda Copa do Mundo, tras a de 2010. E desta volta cun galego entre os seleccionados, o compostelán Borja Iglesias, do Celta.

O papel resiste: serie de entrevistas a revistas en papel editadas en Galicia

Durante as fins de semana de agosto, momento para ler devagar, entrevistamos responsables de revistas en papel editadas en Galicia. Porque o papel resiste e en Praza.gal sempre nos gustou dicir que hai máis medios de comunicación. 

A eclipse das nosas vidas

Aínda que desconectases de todo, seguro que notaches que o 12 de agosto, arredor das oito e media da tarde, escureceu o ceo e volveu iluminarse en cuestión dun par de minutos. Nas xornadas previas fomos publicando pezas con consellos e de contexto, como a que relatou como se viviron as anteriores eclipses totais de sol en Galicia, en 1905 e 1912. E tras a eclipse publicamos varias crónicas sobre como se viviu en Galicia e na Coruña como principal cidade, así como unha galería de imaxes do evento.

Eclipse no concello de Miño CC-BY-SA Praza.gal / Cedida

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.