Seleccionamos algunhas das principais pezas que publicamos en Praza.gal durante xullo e agosto para que poidas botarlles un ollo agora, devagar
Durante este verán que remata é posible que desconectaras da actualidade, ou cando menos de parte dela se non era presentada como "última hora" ou "urxente". Por se pasaches por alto algunha das novas que publicamos durante os meses de xullo e agosto, que se cadra aínda che interesan, seleccionamos aquí unha ducia de informacións que seguirán dando que falar no futuro e que che presentamos agrupadas para que sexa máis doado chegar a elas.
A alerta non foi abondo: Galicia bate co lume incontrolable malia anos de avisos
Se de algo non se puido desconectar este verán foi dos incendios forestais, incontrolables malia as reiteradas advertencias dos expertos. Uns lumes menos numerosos pero moito máis agresivos que no pasado. A nosa cobertura dos incendios incluíu análises como o feito de que dous dos maiores lumes da vaga comezaron en núcleos de especial vixilancia da Xunta, que os concellos máis afectados están entre os máis envellecidos e despoboados de Galicia, que o Goberno galego ocultou información de centos de incendios ou que retirou bombeiros de Ourense mentres pedía máis medios ao Estado. Aquí podes ler todo o que imos publicando sobre incendios.

O arcebispo di ante Rueda e Feijóo que é "inaceptable" usar migrantes como "arma política"
O 25 de xullo o arcebispo de Santiago deixou claro ante Rueda e Feijóo que a doutrina da Igrexa non contempla usar seres humanos como arma política, apelación que o presidente da Xunta, que vén endurecendo seu discurso nese eido, non considerou que lle afectase.
A prórroga da AP-9 aprobada por Aznar ata 2048 é ilegal para a Comisión Europea
Tras anos de investigación a Comisión Europea concluíu este verán que a prórroga da concesión da AP-9 en 2002 foi ilegal. Á espera de que o Estado dea unha resposta ao problema xurídico, a concesionaria, Audasa, segue batendo récords de beneficios, con 45 millóns de euros só nos seis primeiros meses deste ano. Aquí podes ler o que imos publicando sobre a AP-9.

Así debeu ser a crónica hai 12 anos: Descarrila un tren en Santiago por imprudencias do maquinista e Adif
O 12 aniversario do accidente de Angrois foi o primeiro con sentenza penal con feitos probados sobre o que ocorreu aquel día. Unha condena que culpou por igual o maquinista do tren e un cargo de Adif e que en Praza empregamos para refacer -o xornalismo é imperfecto- a "última hora" daquel 24 de xullo de 2013 no que morreron 79 persoas. Aquí podes ler 12 anos de informacións sobre o accidente de Angrois.
Sol, Sergas e pancarta: outro verán inzado de protestas por "colapso" e falta de persoal
O Vicedo, Catoira, Cervo, Viveiro, Foz, Marín, A Cañiza, Fornelos... As protestas pola falta de persoal, "colapso" e longas listas de espera espalláronse un verán máis por toda Galicia, coa ausencia de pediatras como unha das constantes. Seguir lendo.

O asasinato do Porriño evidencia a precariedade das traballadoras de axuda no fogar
A morte dunha traballadora do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do Concello do Porriño virou en tráxica evidencia da situación das profesionais do servizo, reiteradamente denunciada e apenas paliada. Este verán, ademais, o Consello de Contas fixo público un informe crítico coas políticas de violencia de xénero da Xunta, que lle contestou que os asasinatos de mulleres non teñen relación con que as súas políticas de prevención sexan residuais.
Sentenzas sobre os eólicos e a contaminación na Limia que manteñen a indefinición
Este verán fixéronse públicas dúas significativas sentenzas no ámbito da protección da natureza en Galicia cuxo alcance aínda está por ver. A comezos de xullo o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia condenou a Xunta e Estado por vulnerar dereitos fundamentais coa contaminación que permiten no encoro das Conchas, na Limia. Unha situación amplamente coñecida e contra a que as administracións non actuaron e agora se botan a culpa. E a comezos de agosto era o Tribunal de Xustiza da UE o que validaba os prazos cos que a Xunta está a tramitar os parques eólicos ante as dúbidas ao respecto do TSXG. Porén, as medidas de paralización cautelar do tribunal galego sobre ducias de parques seguirán vixentes mentres non avalíe cada caso concreto.
"Uns intactos, outros moi degradados": resultado do primeiro control aos bidóns nucleares fronte a Galicia
A mediados de xullo coñecéronse os primeiros resultados da inspección realizada por unha misión francesa de parte dos bidóns con residuos nucleares depositados por varios países no océano fronte a Galicia ata comezos da década de 1980. Tras varias décadas sen que ninguén os supervisase de xeito periódico, como revelou unha ampla investigación de Praza.gal, a misión francesa atopou "uns intactos, outros moi degradados" pero sen "radioactividade moi significativa", á espera de medicións máis detalladas no laboratorio. Aquí podes ler todo o que imos publicando sobre os vertidos nucleares no Atlántico.
Disólvese a empresa público-privada creada pola Xunta que impulsou a fábrica de Altri
A primeira hora da mañá do xoves 7 de agosto Praza.gal deu a nova da disolución de Impulsa Galicia, a empresa público-privada creada pola Xunta que impulsou entre outros proxectos a fábrica de Altri. Impulsa Galicia desaparece sen que o Consello de Contas lograse facela transparente, pero deixa 'herdeira', Recursos de Galicia, coas mesmas eivas de opacidade. Ademais, este agosto a Consellería de Medio Ambiente tamén consolidou cun posto de libre designación ao seu subdirector xeral que asinou o permiso ambiental de Altri.

Nace a CSAG 40 anos despois de que nacese a TVG
O 25 de xullo, no 40 aniversario do comezo das emisións da TVG, contamos aquela histórica xornada como a contariamos agora en presente. Pero no presente o que tamén contamos este verán foi a fin da CRTVG, reconvertida agora en CSAG (Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia) e que vén de substituír a súa dirección pero novamente imposta polo PP.
"Si" definitivo á taxa turística en Santiago e na Coruña
Este verán os concellos de Santiago e A Coruña aprobaron as súas taxas turísticas, que serán implantadas nos próximos meses, e Vigo tamén anunciou que quere dotarse dunha.
Franco morreu, o seu BOE segue vixente
Este verán a familia Franco estivo finalmente obrigada a abrir ao público a Casa Cornide da Coruña, un dos moitos exemplos da pervivencia de elementos do franquismo tras varias décadas de democracia. Nesa liña, e ante o 50 aniversario o vindeiro 1 de novembro da morte do ditador, en Praza.gal repasamos nas fins de semana de agosto algunhas das súas decisións, plasmadas no Boletín Oficial del Estado, que seguen marcando a Galicia actual: